xoves, 28 de xullo de 2016

31 de xullo: Domingo 18º do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 12, 13-21

Comentario:

Unha pregunta sobre cousas de herdades, que a Xesús lle parece impertinente, dálle pé para entrar nun tema que para el si que era realmente importante: o tema dos cartos, da riqueza, da acumulación de bens. Parécelle importante, porque ao redor diso xira o sentido da vida, o uso dos cartos, a xestión da economía, a solidariedade ou o egoísmo, a vida das familias, a construción da sociedade, as formas dunha relixiosidade auténtica; en definitiva, a felicidade das persoas, que é o que Deus, Xesús, quere para todos, todas e cada unha de nós. O tema dos cartos segue a ser un tema ben actual --en realidade a crise actual ten como base a cobiza dos cartos da que Xesús alertaba--; por iso tamén o é a ensinanza de Xesús. Iranos mellor se nos deixamos afectar, converter polas palabras, pola proposta de Xesús.

Hai que notar que o que Xesús hoxe nos di vai máis orientado ás persoas que tendo moito, se poden encontrar ante a dúbida de qué facer co moito que teñen; é dicir, as persoas ricas. Ou as que, sendo pobres, teñen espírito e aspiración de ricas, que de todo hai. Para os que non teñen, como lles pasa a tantos contemporáneos nosos de Galicia, de España e doutros países, para a xente pobre, Xesús acompáñaos no soño e na loita polo pan de cada día, Xesús anúncialles a benaventuranza de quen se vai ver farto, Xesús súmase a quen demanda o perdón das débedas e hipotecas, Xesús faraos beneficiarios da xustiza que, aplicada en conversión aos ricos, lles fai devolver cinco veces máis o que antes roubaron.

Os bens fannos falla; o pan de cada día, a sanidade pública, os servizos sociais básicos, a ensinanza pública, un fogar; Xesús non nos di o contrario, aínda que el non tiña onde reclinar a súa cabeza. Xesús prevennos contra a cobiza, que é outra cousa; é o afán tolo de ter e ter, de acumular, sexa como sexa, que normalmente é mediante trampas e inxustizas, ou renunciando a aspectos da propia persoa e da propia familia que van quedando abandonados por aquilo de xuntar e xuntar sen medida. “Atención: gardádevos da cobiza, que, por moito que un teña, non por iso a súa vida depende dos seus bens.” A vida e a morte non dependen dos bens que un teña, nin a harmonía familiar, nin a integración na parroquia e na sociedade, nin o ser honrada, nin o atopar parella ou non, nin o ser feliz con ela, nin a felicidade, por moito que nos pareza que con cartos comemos o mundo. Cantos exemplos podiamos poñer!

O problema do home da parábola que conta Xesús foi non saber facer un uso adecuado dos moitos bens que a vida ou o traballo lle ían dando. Dedicouse a acumular, pensando no seu benestar persoal: comer, beber e a vivir!, pensando que o tiña ben merecido. Coa desgraza de morrer antes do previsto, ou sen esa desgraza, a decisión daquel home era equivocada; facíase rico para si, e non para Deus; facíase rico para si e non para a comunidade; acumulaba diñeiro, pero perdía os vínculos reais da irmandade que se fortalecen co compartir; envolvíase en riqueza, pero arredábase cada vez máis da maior riqueza, do maior ben, que é a comunidade, asentada en Deus, realizada na vida de cada día. Gozábase coa caricia dos billetes, pero ignoraba a caricia e o agradecemento das persoas coas que podería compartir a súa riqueza. Tendo moito, tendo tanto, e precisamente por telo así, facíase menos home, era menos home. Polo tanto estaba tamén máis pechado ao encontro con Deus, que anda sempre nos espazos da solidariedade.

O evanxeo de hoxe quere axudarnos a revivir aquela ensinanza forte dos Santos Pais da Igrexa que entendían que os bens das persoas ricas teñen un destino comunitario, social. É dicir, son para repartir con quen non ten. É posible que isto hoxe nos escandalice. Aínda que, se o miramos ben, os sistemas tributarios das sociedades modernas, se son xustos, pretenden precisamente isto: facer un reparto dos beneficios excesivos, para que as persoas e os grupos sociais máis marxinais teñan o elemental para vivir dignamente. Outra cousa é que realmente se faga así. Vállanos isto para entender que desde a participación política se lle poden dar cumprimento, ou non, as ensinanzas de Xesús. Vállanos isto para entender tamén que unha persoa cristiá, se quere que o soño do Reino vaia fermentando pouco a pouco a masa da sociedade, é necesario participar en política, integrarse nos partidos, sindicatos e asociacións, facendo elección por aqueles que, máis aló das palabras, se aproximen algo aos soños fraternos de Xesús.

Así que logo, no canto de volverse tolo/a por atesourar riquezas para un mesmo, Xesús proponnos facernos ricos/as para Deus, nas cousas de Deus, que andan sempre ao redor do acoller, do abrir a casa, do compartir, da comunidade, do gozo da irmandade. Algo que gustamos e adiantamos un chisco nas nosas Eucaristías cando as facemos ao estilo de Xesús.


Preces:

QUE COA TÚA AXUDA, DEUS, NOS GARDEMOS DA COBIZA
  1. Gardémonos da cobiza dos cartos, que destrúe tantas veces a unión familiar. Oremos.
  2. Gardémonos da cobiza dos cartos, que destrúe os dereitos do pobo e crea xente marxinada e sometida. Oremos.
  3. Gardémonos da cobiza dos cartos, pola que os poderosos acaban coa harmonía social, como nos está pasando nestes tempos de crise. Oremos.
  4. Gardémonos da cobiza dos cartos, pola que moitos manipulan os países débiles do Terceiro Mundo con prepotencia e con descaro. Oremos.
  5. Gardémonos da cobiza dos cartos, que leva a estragar a natureza, a manipular os alimentos, a deteriorar a saúde. Oremos.
  6. Gardémonos da cobiza dos cartos, que nos separa de Deus, porque nos separa da comunidade, da irmandade. Oremos.


Pregaria:

Rico para Deus!
Rica para Deus!
Quero ser, Señor, rica, rico para ti.
Quero ser, Señor, rica, rico para a comunidade.

Quero ser persoa rica
en sentimentos bos, en humanidade,
para que os máis atopen en min alivio
e razóns para seguir vivindo, para seguir loitando.

Quero ser persoa rica
en tenrura, en compaixón,
para amolecer as durezas da vida
e acompañar e acoller sen medida.

Quero ser persoa rica
en ollada limpa e fonda, sentida,
para entender a xente coas súas cruces e dores
e poder arrimar o lombo convenientemente.

Quero ser persoa rica
en participación e colaboración comunitaria
para axudar a experimentar o gozo grande
de sabérmonos irmáns, familia, fogar,
construíndonos uns a outros/as con firme decisión.

Quero ser persoa rica
en espírito de loita
para darlle cara ao moito que nos impide
sermos libres, xustos/as, felices,
sermos pobo fraterno e igualitario.

Quero ser persoa rica
en fe, en amor, en esperanza,
en alegría, en paz, en palabras de consolo e de alento,
gozosa de terte a ti, Deus, por Nai, por Pai,
e a todo canto me rodea
como razón para vivir e causa do meu agradecemento.

Quero ser...,
pero moitas veces sinto que non podo,
que as forzas non me chegan,
que só ti me podes enriquecer no teu,
e próstrome ante ti, meu Deus,
co desexo limpo e fondo
de verme colmado pola túa abundancia
para mérito e gloria túa,
para que a vida soleza en min con sol de primaveras.


Signo:
  • Na primeira parte e preces: imaxes de diñeiro e de lugares de acumulación: caixas fortes, bancos...
  • Na parte das preces: imaxes de apoio, de loita, imaxes de natureza viva.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.