domingo, 24 de xullo de 2016

25 de xullo: Festa de Santiago Apóstolo, Patrón de Galicia


Evanxeo: Mt 20, 20-28


Comentario:

Hoxe é a festa de Santiago Apóstolo, patrón de Galicia, patrón de España. Hoxe é o Día de Galicia, e para moitos galegos e galegas é tamén o Día da Patria Galega. Para o Evanxeo, para a Boa Nova de Xesús, para Xesús mesmo polo tanto, Galicia non é algo indiferente, nin o é todo o que somos e vivimos os galegos e galegas que vivimos nesta Terra; como tampouco non é indiferente ningunha outra parte de España e do mundo. No Evanxeo Xesús ofrécenos a todos un plan de construción coma persoas e unha maneira de vivir as nosas relacións coas persoas coas que convivimos na familia, no barrio, no pobo, no País, no mundo. O proxecto de Xesús ten transcendencia social, política. E sería normal e bo que as persoas cristiás, galegas ou de calquera outra parte do mundo, nos preocupásemos por trasladar á vida social e política, aquilo que imos aprendendo de Xesús para as nosas vidas. Que podemos aportar como cristiáns, cristiás, a esta tarefa común que é Galicia nos días de hoxe? Que podemos aportar a esa Galicia que o poeta Díaz Castro evocaba fermosamente con estas palabras:
“¡Galiza en min, meu Deus, pan que me deron,
leite e centeo e soño e lus da aurora!
Longa rúa da mar, fogar da terra,
e esta crus que nos mide de alto a baixo.

Santiago PeregrinoJosé Gambino (s. XVIII)
Parroquia de San Bartolomeu de Pontevedra
O evanxeo de hoxe narra unha experiencia vivida por Santiago e o seu irmán Xoán en relación con Xesús, que nos permite achegarnos a algo moi importante para nós como persoas e para nós como membros desta colectividade humana que é Galicia, á que queremos, e á construción da cal queremos contribuír coma seguidores/as de Xesús. No evanxeo de Mateu, Xesús acaba de falar do seu conflito coas autoridades xudías que acabará en morte e resurrección e, nese momento, curiosamente, Santiago e Xoán achéganse a Xesús pedíndolle un posto de honor nun futuro reino que eles se imaxinaban como reino de desiguais, con xente que manda e ten poder, e xente que está debaixo, sometida. Eles, claro, aspiraban aos primeiros postos (O Evanxelista Marcos dinos que foron eles directamente, Santiago e Xoán, os que lle pediron iso a Xesús; o evanxelista Mateu, como sente vergonza por colocar esta demanda na boca dos apóstolos, cárgalle o morto á nai deles, Salomé.). Santiago e Xoán, a esas alturas, non entenderan nada do de Xesús, e por iso escoitan de Xesús: “Non sabedes o que pedides”. Para eles a súa construción persoal, a súa relación con Xesús, a súa maneira de se situar ante os demais, en sociedade, agora ou no máis alá, mídese con criterios de poder: canto máis poder xerador de desigualdades, mellor; máis es, máis vales, máis inflúes, máis te achegas a Deus. No fondo, non pensamos así moitos, moitas de nós? Non nos achegamos con este criterio á tarefa de construción social, de participación política, á tarefa que Deus nos encomenda de ir construíndo as relacións sociais na nosa Terra, en Galicia?

A aposta de Xesús vai por outros camiños case diametralmente opostos. Xesús non se move en esferas de poder; de feito entra en conflito co poder, tanto civil coma especialmente relixioso. Quen aspira ao poder necesariamente deberase levar ben co poder. Non lle ten pasado moito isto á nosa Igrexa, da que formamos parte? Quen non se leva ben co poder case sempre é porque non aspira ao poder, senón ao seu contrario que é o servizo. O soño de Xesús para a realización persoal e comunitaria, para a práctica social, pasa por arredarse dos métodos que imperaban na sociedade do seu tempo e que, en parte seguen imperando hoxe. Arredarse das tiranías, arredarse das opresións. Andar con Xesús, querer ser seguidor/a súa, querer intimar con el supón, polo tanto, estar en disposición de rodear o propio corazón, a propia vida de sentimentos e prácticas de igualdade, de fraternidade, nunha vida de ti a ti, de igual a igual, de irmán a irmán/á, no respecto mutuo, no coidado mutuo, poñendo os intereses comunitarios no centro da propia existencia, e non principalmente os propios intereses.

Propoñerse levar a vida por estes camiños, que foron os camiños de Xesús e de quen o queira seguir con fidelidade, sen dúbida implica beber o cáliz de Xesús, é dicir implica sufrimento e gozo solidarios. Seguir con fidelidade a Xesús implica descubrir o gozo na tarefa de servidor/a, ata o punto de buscar servir, ser o último/a, coa mesma intensidade e satisfacción coa que entre a xente normalmente se busca ser o primeiro e mandar. A nosa referencia é Xesús, que non veu para ser servido, senón para servir e desfacer a súa existencia en favor de todos e todas, en favor especialmente de cantos nos xogos normais de dominio e poder sempre van quedando por baixo, soportando as malicias do sistema. E moi conscientes de que niso hai futuro, hai éxito, hai resurreccións para a propia persoa, para o pobo no medio do cal un vive e serve.

Os apóstolos, con todo e ter andado ben a rentes de Xesús, non entendían moito de todo isto, e iso que era un dos aspectos cruciais da vida de Xesús. O corpo, a alma, pedíalles poder e poder, tan dentro tiñan metido este esquema de vida. É moi posible que a nós nos pase o mesmo ou parecido. Santiago e Xoán –e con eles os demais apóstolos--, que houberon de facer un proceso de iluminación e de cambio, pódennos axudar a moldear a nosa existencia ao estilo de Xesús. E unha existencia persoal e social moldeada ao estilo de Xesús poder ser unha enorme contribución que os cristiáns e cristiás podemos facer á nosa sociedade, á nosa Terra Galicia.

A celebración eucarística de hoxe pode axudarnos a asolagarnos no corpo e no espírito do grande servidor, Xesús de Nazaré, para fortalecer nel o noso cativo, débil e frouxo servizo.


Preces:

NON VIN PARA SER SERVIDO, SENÓN PARA SERVIR
  1. Señor Xesús, que a túa memoria converta as nosas existencias do poder ao servizo. Oremos.
  2. Señor Xesús, que con humildade e fortaleza, ben apoiados en ti, fagamos día a día unha Igrexa pobre ao servizo da xente máis pobre. Oremos.
  3. Señor Xesús, que saibamos agradecer e coidar a nosa Terra Galicia, con humildade, con orgullo, sen ningunha exclusión. Oremos.
  4. Señor Xesús, que con espírito de servizo e non de poder arrogante colaboremos para resolver os problemas do campo, do mar, da industria que temos na nosa Terra. Oremos.
  5. Señor Xesús, que gustemos de falar e rezar en galego, sabendo que é un don que o teu Espírito laico suscitou na cultura do noso pobo. Oremos.


Pregaria:

Galicia recibida, Galicia amada;
Galicia agradecida,
Galicia soñada, Deus, Galicia traballada.

Galicia labrega, industrial e mariñeira,
Galicia das aldeas, vilas e cidades,
Galicia toda, Galicia enteira.

Galicia de mitos, lendas e crenzas,
Galicia soñadora de futuros,
Galicia aberta á luz maior que dentro de si leva.

Galicia que fala a súa fala
coma forma de dicir e de dicirse,
e a ofrece orgullosa ao universal concerto das culturas.

Galicia cálida, irmá,
en organizacións solidarias,
en veciñanza aldeá.

Galicia da festa, da romaría, do traballo,
Galicia feliz, Galicia bailadora,
Galicia sufrinte, Galicia loitadora.

Galicia emigrante, Galicia buscadora,
Galicia fogar quente de inmigrantes,
Galicia universal, Galicia acolledora.

Galicia despoboada, Galicia envellecida,
Galicia de futuro escuro, incerto,
Galicia de mouras profecías.

Galicia da nenez e mocidade e xente adulta,
Galicia de homes e mulleres,
á par en liberdades, en dereitos e deberes.

Galicia verde, Galicia espléndida nos seus montes e vales,
Galicia das mil augas, dos mil castros,
Galicia do pai Miño, das rías e dos mares.

Galicia dos pobres, da pobreza,
Galicia dependente, Galicia ferida,
Galicia orfa, abandonada, Galicia enferma.

Galicia dos políticos de ollada curta ou longa,
Galicia dos debates necesarios, Galicia dos consensos desexados.

Galicia onte, hoxe e mañá,
Galicia sempre,
na alma, no corazón, na ollada,
anaco de ti, Deus,
don e tarefa,
mañá, tarde e solpor
e luces de alborada.


Signo:
  • Unha imaxe de Santiago peregrino.
  • Unha imaxe da catedral de Santiago.
  • Rostros de homes e mulleres galegos.
  • Unha persoa en cousas de servizo a xente débil.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.