martes, 19 de xullo de 2016

24 de xullo: Domingo 17º do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 11,1-13

Comentario:

O evanxelista Lucas é o que máis veces fala da experiencia de oración de Xesús. De día ou de noite, no monte ou na chaira, Xesús gustaba de orar. Tanto que un dos seus discípulos lle pide que lles ensinase a orar, pois tal era o que facía o mestre Xoán Bautista e tal era tamén o que facían os líderes espirituais daquel tempo. Aprender a orar é tanto coma aprender a ter experiencia de Deus na propia vida, trato con Deus, relación viva con Deus, sentimento limpo e fondo da súa presenza acompañando a nosa vida, a nosa tarefa diaria. Podemos ter moitas prácticas relixiosas e non ter experiencia limpa de Deus na nosa vida; é algo bastante frecuente. Xesús foi un home fondamente vinculado a Deus, foi un místico apegado á vida, apegado á xente, manifestouse sempre coma persoa cunha cálida experiencia de Deus, na que atopou o motor da súa vida libre, creativa, revolucionaria, santa. Temos un mestre de garantía. Quen mellor ca el nos poderá aprender a tratar e amigar con Deus?

Cando o discípulo lle pide que lles aprenda a orar, Xesús ensínalles o “Noso Pai”. No noso Pai (ou Nai) están perfectamente recollidos os dinamismos fundamentais da experiencia relixiosa de Xesús: a) Asombro, admiración, agarimo, respecto máximo polo nome e pola persoa de Deus, como soamente sabe transmitilo quen se ten visto desbordado polo seu amor, pola súa presenza, pola súa santidade, pola súa proximidade e tenrura de Pai ou Nai. b) Desexo apaixonado de que ese ben de Deus, que hai en Deus e que Deus transmite coma fonte de vida, se espalle e sexa ofrecido e acollido polas persoas todas do mundo, e enchoupe a vida das persoas, as relacións sociais, o mundo enteiro. Como cambiarían as cousas! Segundo dicía un amigo veciño: “se fixeramos coma Cristo, viviriamos coma Dios!” c) Afán diario por encher o estómago da xente pobre, que, daquela coma hoxe, era moita. O pan, e co pan todo o imprescindible para vivir con dignidade: sanidade pública, menciñas, saúde, servizos sociais básicos, paz, igualdade ante a lei..., iso do que no Terceiro Mundo carecen de sempre, e no que nós empezamos a escasear duns anos a esta parte. d) O perdón coma experiencia fonda, curadora, do propio pecado e do pecado das persoas que nos rodean; perdón en roda, coa súa fonte en Deus, perdón recibido, dado, coma camiño de compaixón coas persoas máis débiles, coma forza de cambio e de transformación do mundo. e) Necesidade de nos embarcar en todo isto simplemente baseados nas nosas propias forzas, que son poucas para garantirnos que non caiamos naquilo que é destrutivo para os demais, para nós mesmos.

Xesús bota man de dous exemplos para incitarnos a ser firmes, constantes, insistentes na nosa oración. Chama a atención que as persoas dos exemplos son un amigo e un pai. Algo quererá dicir esta escolla de Xesús. Deus é alguén próximo que ten cara a nós sentimentos de amigo, sentimentos de Pai; se un amigo ou un pai ou nai non nos fallan, vainos fallar Deus? Xesús di que Deus sabe dar cousas boas a quen pida, busque ou pete á súa porta. A nós gustaríanos que Deus se estivese metendo nas nosas vidas, curándonos unha vaca, conseguíndonos un posto de traballo, apartándonos unha tormenta, evitándonos un accidente, facendo que aprobemos un exame, etc. Pero as cousas non son así. Deus fíxonos libres, autónomos, responsables; púxonos a vida nas mans con todas as súas felicidades e problemas. Somos nós os que temos que velar pola boa marcha da vida, da sociedade, da natureza, do mundo. Pero non nos deixa orfas, orfos; dános o seu Espírito Santo, que é o seu alento de vida, para darnos luz, empuxe, paz, constancia, protesta, loita, acougo, etc., de xeito que sexamos eficaces na construción da nosa persoa, da nosa sociedade. Goza cos nosos progresos, aléntanos nas nosas cruces, recupérao todo coa súa forza de perdón e de vida.

Son ben fermosas estas palabras de Xesús: “Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. Que a persoa que pide, recibe; a que busca, atopa; e a quen peta, abriráselle.” Alguén pódeas entender coma unha defensa da oración de petición. Penso que apuntan a algo máis fondo, a unha actitude básica ante a vida, ante as persoas, ante todo, propia de quen se sabe incompleta, sen seguridades totais; propia de quen se sente débil, fráxil, necesitada de tantas cousas, de tantas persoas, de Deus mesmo, e se sitúa na vida nunha postura básica de apertura, de busca, de demanda. É algo que vai moito máis alá da oración de petición, que se pode realizar sen oración de petición, aínda que haxa moitas persoas que tamén a realicen a través da oración de petición. Con León Felipe podemos dicir:




“Ninguén foi onte,
nin vai hoxe,
nin irá mañá
cara a Deus
por este mesmo camiño
polo que eu vou.

Para cada ser humano garda
un raio novo de luz o sol...
e un camiño virxe
Deus.”


Preces:

MESTRE, APRÉNDENOS A REZAR
  • Para chegar a ter unha limpa experiencia de Deus na nosa vida, un pouco como ti a tiveches. Oremos.
  • Para sermos fortes, algo como ti o fuches, traballando nas cousas de Deus, que teñen que ver coa vida e coa dignidade da xente toda. Oremos.
  • Para facer que o pan, as menciñas, a escola non falten nunca na mesa, nas casas das familias máis pobres de todo o mundo . Oremos.
  • Para saber perdoar, como ti perdoabas, para gozar co perdón recibido, para facer do perdón un instrumento de paz, de alento e de cambio para a vida. Oremos.
  • Para sermos fortes ante a tentación, para non deixarnos levar polo consumo, polo egoísmo, polo poder, pola violencia, polo desprezo. Oremos.


Pregaria (para rezar en todo ou en parte, ou durante a semana pouco a pouco)

Noso Pai ou, mellor, nosa Nai,
ti que es Deus dentro de nós...

“Santificado sexa o teu nome”,
o teu nome, a túa presenza en nós,
nos outros, nas outras, en todo...
Santificado,
descuberto,
apreciado,
amado,
gozado,
agradecido,
celebrado,
compartido,
servido,
popularizado,
o teu nome, a túa presenza.

“Veña o teu Reino”,
porque non queres quedar nas ideas,
na cabeza,
nas fantasías espirituais.
“Veña o teu Reino”,
que se note que andas entre nós,
que te levamos dentro,
que te gozamos, servimos e agradecemos.
“Veña o teu Reino”,
e fágase experiencia familiar e veciñal,
fágase comunidade cristiá,
sindicato e partido político,
fágase asociación de veciños/as,
fágase lingua, lingua galega.

“Fágase a túa vontade na terra coma no ceo”.
A túa vontade, que é a nosa, a miña,
cando me atrevo a ollala limpa,
cando me atrevo a descubrirte dentro de min,
sustentándoo todo,
animándoo todo,
loitándoo todo.
“...na terra coma no ceo”...
materializar o amor,
materializar, concretar en materia, en terra, en historia
o amor,
a túa presenza,
o teu Evanxeo,
para fuxir das palabras baleiras,
das ideas estériles.
“Fágase a túa vontade...”,
sempre,
e a miña en ti,
sempre.

“Dános hoxe o pan de cada día”.
Rezando desde a sensibilidade necesitada do 3º Mundo
ou das persoas máis pobres do 1º Mundo,
non desde a autosuficiencia abundante e histérica do 1º Mundo,
onde o pan sobra porque engorda.
Dános o pan,
a soberanía alimentaria,
ese primordial camiño de liberdade,
descuberto para todos e todas polo movemento agrario actual.
O pan de cada día comido con agradecemento,
o pan compartido, repartido con quen non ten
polas mans dignas da xustiza.
O pan das Misiñas,
que sabe a gloria,
que Xesús nos dá como alento e anuncio de todo isto,
e de moito máis,
á medida de Deus.

“Perdoa os nosos pecados...”.
Non é por pedircho,
e para recoñecer que hai pecado en min,
ofensa, desconsideración, insolidariedade.
Que se perdoen tamén
as débedas e hipotecas materiais da xente máis pobre,
que ti, Xesús, coñeciches
e que nós tamén coñecemos.
“... como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido”.
E entrar así nesa onda popular, universal, cósmica, do perdón,
de non deixarnos atrapar polo mal doutras persoas,
de ser libres e creadoras ante o mal,
de contestar ao mal con ben,
á inxustiza con xustiza,
esa onda enorme, inmensa, de solidariedade,
que ten en ti fonte, forza e plenitude.
E sermos o que realmente somos:
camada de amor real en ti,
sen distinción de razas nin de sexos, nin de credos,
camada de amor real en ti,
desde o máis baixo,
como a auga que é vida porque sempre tira ao baixo.

“Non nos deixes caer na tentación”,
porque te necesito,
porque hai en min incomprensibles atraccións,
porque me sinto tamén chamado, atraído, tentado,
por mirar por min e para min,
por poñerme no centro, de rei e señor,
de mil formas e maneiras,
... e non quero,
e necesito de ti
e de todos e todas cantas en ti
son fieis á ondada de amor-solidariedade
que nos identifica e nos define radicalmente

“E líbranos do mal”,
porque tamén te necesito para iso,
porque no mundo, fóra de min, de nós,
hai moitos poderes do mal,
encarnados en personaxes, estilos, culturas, movementos...
con poder enorme,
que me aburan,
que pretenden arrincarme de ti,
e da miña identidade en ti:
ser humildisimamente visualización de ti,
do teu amor solidario
no medio do meu pobo.

Amén


Signo:
  • Imaxe de Xesús orante.
  • Imaxe de calquera persoa ou grupo en oración.
  • Alguén petando a unha porta.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.