xoves, 23 de xuño de 2016

26 de xuño: Domingo 13º do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 9, 51-62


Comentario:

Xesús andaba co seu grupo de seguidores e seguidoras anunciando e vivindo o novo de Deus para o pobo máis ben polas comarcas arredadas de Galilea. Pero hai un momento no que decide baixar a Xerusalén, onde está o poder relixioso xudeu co que el se sabe claramente en conflito. Sabe de sobra que vai ser unha viaxe con consecuencias moi serias para el, para o seu grupo. Pero “decidiu en firme” ir aló. Vemos a un Xesús convencido, afrontando as dificultades, sen medos que o paralicen, ousado, con afán de defender a gloria de Deus defendendo a vida, o pan, a integración social e relixiosa das persoas máis débiles daquela sociedade. Canto ben nos traería a todas, a todos nós camiñar á sombra polo menos deste Xesús, participar da súa ousadía para defender nós hoxe o que el no seu tempo defendía. Que supoñería iso para nós, para a nosa comunidade, para a nosa Igrexa?

Xesús cos seus discípulos cruza Samaría, territorio hostil para os xudeus por cuestións de tipo relixioso. Xesús e os seus discípulos sofren malos modos e algúns dos discípulos contestan con ameazas, con desexos de aniquilamento. Un exemplo das agresións mutuas por cuestións relixiosas que en todos os tempos se dan. Tamén nos nosos. Nas conversacións normais, na comunicación por internet cánta agresividade se verte, cánta condena, e no nome de Deus! E moita desta xente dise seguidora do Deus de Xesús! Cánto podemos e debemos medrar en respecto, en escoita, en escoita entrañable, vulnerable, en silencio, antes de poñernos a aniquilar aos que non pensan e viven coma nós! E iso sen deixar de vivir conforme ao que nós cremos sinceramente que é o máis auténtico.  As persoas relixiosas podemos poñer moita paz no mundo, pero tamén podemos sementar moi agresividade. Onde estamos nós?

Ao longo desa viaxe Lucas coloca o caso de tres persoas que se achegan a Xesús con ideas de seguimento. Son escenas moi curtas, con frases moi contundentes por parte de Xesús, con formas de falar algo esaxeradas, impactantes, cousa que lle gustaba facer moito a Xesús; pero no fondo Xesús, desa maneira algo chocante, o que quería transmitir era que o que el traía entre mans, con iso do Reino de Deus, non era un xogo, era algo que marcaba a fondo, felizmente, a vida das persoas; e que, polo tanto, tampouco non era un xogo embarcarse no seu seguimento. O seguimento de Xesús implica ir medrando en certas actitudes persoais, para que o acompañamento de Xesús nos leve aos cambios persoais e sociais, á satisfacción, á felicidade en definitiva á que Xesús nos quere acompañar. Paga a pena que, como persoas e comunidades cristiás, reparemos nelas, coma se Xesús mesmo se estivese dirixindo a nós.

“O Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza”, di Xesús; parece indicar que non ten casa propia, que non ten seguridades económicas, que está no aire, ben cimentado, iso si, no Deus no que cre firmemente e no Espírito da solidariedade que o vincula con moitísima xente débil que precisa da súa compaña, do seu afecto, da súa palabra, da súa defensa. Xesús rompe cunha seguridade normal, na que todas, todos, normalmente nos situamos, e ofrécenos outro tipo de seguridades no aire, que son posibles. Ofrecíalle a aquel señor, e ofrécenos a nós, emprender con el esa aventura. Que nos supoñería como persoas, como comunidade, como Igrexa, poñernos en corpo e alma un pouco máis á intemperie? Paga a pena que o pensemos.

“Deixa que os mortos enterren os seus mortos: ti vai anunciar o Reino de Deus”. Xesús estanos dicindo que, visto como está o mundo, co montón de abusos, de trampas, de xente sen traballo, de desprezos para a xente humilde, con tanta xente que realmente está morrendo por fame, guerras, por roubarlle a dignidade, urxe, urxe moito, deixar de falar e falar e poñerse a actuar, apuntándose ao seu proxecto ao a calquera proxecto que tente atender á vida, máis ca a enterrar mortos. No tempo e no ánimo de moitos crentes, de moitos cregos, sobre todo en Galicia, ocupa máis lugar o oficio de enterrar mortos ca o de defender a vida.

“Quen despois de por a man no arado, mirar para atrás, non é apto para o Reino de Deus”. Que ara debe ir mirando para adiante, para que a súa arada estea ben feita e garanta froito. Nas cousas de Deus, nas cousas do seguimento de Xesús, que son sempre as cousas da vida, que son as cousas comunitarias, que é todo o que reconstrúe este mundo desde a vida e as necesidades dos máis débiles, non dá resultado poñer a man no arado, e mirar para atrás, devecendo polo que nun primeiro momento un deixou de lado, porque cría que era un estorbo. O seguimento de Xesús pide firmeza, decisión, constancia, resistencia. Xesús non pide heroes, non, pero si xente disposta a non soltar a rabela á primeira, cando as dificultades cheguen.


Preces:

TI VAI ANUNCIAR O REINO DE DEUS
  1. Que sobre todo coa vida, cos feitos, vaiamos demostrando que é posible refacer esta nosa sociedade con máis xustiza, con máis misericordia. Oremos.
  2. Que descubramos o tesouro da sobriedade, do desapego das riquezas e seguridades, para poder crear con Xesús boas relacións de fraternidade e de servizo entre a xente. Oremos.
  3. Que coidemos os nosos vínculos familiares, de xeito que sexan un empuxe para abrirnos á familia maior do pobo, da comunidade. Oremos.
  4. Que defendamos coa palabra e cos feitos o soño de Xesús, sen agresividades, respectando moito a quen vexa a vida doutra maneira. Oremos.
  5. Que prestemos atención a revoltas sociais como a que se está dando no Brasil, onde a xente cuestiona tanto evento deportivo, mentres o pobo sofre carencias elementais, afirmando que un profesor vale ben máis ca o Neymar. Oremos.


Pregaria:

Quen é apta, apto, para o Reino de Deus,
para andar, Xesús, canda ti os teus camiños?

--Quen me ama,
quen ama as miñas causas,
quen camiña comigo aos lugares do conflito relixioso e social,
onde se xoga o honor de Deus
no honor da xente máis débil, marxinada, pecadora.

--Quen comigo se compromete a fondo,
apaixonadamente,
pero non responde á agresión con violencia,
respectando as persoas e os seus tempos,
fiándose da bondade radical de todo ser humano.

--Quen nestes tempos de apertos e incertezas
foxe comigo de riquezas e seguridades
comparte o pan, a casa, os afectos,
e pousa a súa cabeza con confianza
no seu de Deus e da comunidade.

--Quen coma min respecta a sociedade na que vive,
comprende os seus usos e costumes,
pero cre na novidade de Deus,
sempre por estrear,
e a ela se abre en corpo e alma,
e por esa se entrega noite e día.

--Quen, coma eu fixen, ama e coida a familia,
con afecto, con ansia, con esmero,
con liberdade tamén,
non sexa que, escusándose na familia,
volvamos a vista atrás
e pousemos o arado que abre e fecunda a terra.

--Quen ve comigo na propia familia
unha escola humilde onde aprender,
para abrirse con corazón e ganas
á familia maior dos irmáns e irmás todas da terra,
e así educa e se deixa educar.

Xesús, que contigo, ao teu lado, coa túa forza,
me vaia facendo apta, apto, para o Reino de Deus.


Signo:
  • Un paxaro no seu niño, ou un animal calquera no seu cubil.
  • Un arado romano, coa súa rabela, e alguén collendo a rabela.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.