luns, 6 de xuño de 2016

12 de xuño: Domingo 11º do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 7,36—8,3


Comentario:

Estamos ante unha das páxinas máis densas e esperanzadoras do Evanxeo; algo así coma o Evanxeo do Evanxeo, onde se recolle aquilo máis substancial da mensaxe de Xesús, as claves do seu estilo actuar, e as consecuencias liberadoras que de ese estilo de actuar se derivaban para as persoas que tiñan a sorte de bater con Xesús na súa vida. Propónsenos este Evanxeo aos cristiáns e cristiás de hoxe, para ver se esas liñas de forza da Boa Nova de Xesús, ou do Xesús da Boa Nova, conseguen ter entrada nas nosas vidas, para que nelas suceda algo semellante ao que pasou na vida da prostituta que bicaba, regaba e enxugaba cos seus cabelos os pés de Xesús.

Podemos achegar este pedaciño de Evanxeo ás nosas vidas, por exemplo, parándonos ante a maneira de actuar das tres persoas que aparecen na narración: un fariseo anónimo, Xesús e a prostituta, anónima tamén. O fariseo, Xesús e a prostituta falan e actúan dunha determinada maneira; observémolos de cerca, co pensamento, co corazón, co afecto, deixándonos tocar polo que esas persoas nos transmiten. Deixemos que entren a fondo nas nosas vidas, para conmovelas, para convertelas, para abrilas á esa renovación final, recollida nas palabras de Xesús: “salvoute a túa fe, vai en paz.”

O fariseo anónimo invita a Xesús, demostra certa vontade de coñecelo, de intimar con el; pero está bloqueado polas ideas legalistas que lle invaden a cabeza e o corazón, e por iso naquela muller que ten diante non é capaz de ver nada máis ca a unha puta, e en Xesús, que a acolle e acepta os seus aloumiños, non é capaz de ver máis ca a un inxenuo equivocado, que non é quen de descubrir a baixeza moral daquela muller prostituta. Ve a vida con ollos de persoa legalista, que lle impiden descubrir o máis fondo e precioso da vida das persoas. Non sabemos se, ao final, coas explicacións de Xesús, se decataría dos seus errores. Todos, todas, temos este toque moralista dentro de nós, e con el por diante relacionámonos coas persoas. Ás veces, canto máis relixiosos queremos ser, máis nos deixamos coller polo espírito do fariseo. Somos en algo coma o fariseo? Na nosa comunidade, na nosa Igrexa non somos moitas veces tamén coma o fariseo, cando non amamos, non comprendemos, xulgamos e condenamos?

A muller é unha prostituta e en ningún momento o nega, nin se escusa. Coñecera a Xesús. Tivera algunha palabra, algún encontro con el? Non o sabemos. Pero si demostra ter captado a “maxia” de Xesús, ter comprendido o esencial da súa mensaxe: amaba, acollía, comprendía, perdoaba, espertaba esperanzas, devolvía a fe, confianza nunha mesma, permitía soñar que o día de mañá podía ser moi distinto do que era o día de hoxe. Desde que o coñecera ela era outra, algo novo e marabilloso nacera na súa existencia. Non sabía como dicilo, como expresalo. Vai onda Xesús, co frasco de alabastro con perfume de mirra, que outras veces usara para perfumar o seu corpo para os praceres de quen a ela se achegaba, e demostra a grandeza do seu amor coas bágoas, cos bicos, cos cabelos, coas mans, con todo o seu corpo entregado agora a un limpo exercicio de agradecemento. Que mundo interior máis marabilloso detrás daquel rostro e corpo de prostituta! E o fariseo nin sequera o intuía! E Xesús admirábao, consciente das novas posibilidades espertadas naquela mulleriña por sentirse amada, comprendida, acompañada, dignificada. “Salvoute a túa fe, vai en paz.”

Xesús é Xesús. Posiblemente xa coñecía a tal prostituta, ou non. Pero intuíu deseguida que detrás daquel comportamento apaixonadamente agradecido tiña que haber moita vida, moita entraña, moita valoración descuberta, moito perdón recibido, moito amor. E parece que Xesús goza describindo os coidados amorosos con el por parte daquela muller que no pobo era ben coñecida como prostituta: fixo isto, fixo isto, fixo isto. Quen ama tanto é que moito perdón ten recibido e gozado! Xesús non nos fala nada do que el lle puido transmitir a aquela muller, quizabes sen sequera coñecela. O seu nome, o seu estilo, a súa maneira de achegarse aos máis débiles e pecadores/as, era abondo para facer espertar nas persoas a ansia do cambio, a fe nas posibilidades do cambio. Era axudarlle ás persoas a que descubrisen as ilimitadas posibilidades de cambio que somos capaces de realizar en nós, cando alguén nos envolve e nós nos deixamos envolver nos lazos da tenrura, que é forte coma o amor, que é forte coma a morte.

O Papa Francisco invítanos constantemente a saír dos nosos recintos eclesiásticos e ir ás periferias, aos marxes –que os hai a montóns--; pero, moito antes ca o Papa Francisco, xa Xesús facía iso mesmo; e a maiores de invitarnos a ir, ofrécenos as formas, as actitudes coas que é bo ir. Un bo modelo de Nova Evanxelización o que nos ofrece o evanxeo de hoxe. Para recibila nós, que falta nos fará, para axudar a ofrecerlla a outros/as, que esperan de nós, cristiáns e cristiás, algo polo menos do rostro de Xesús.

Non hai que pasar de largo pola información que nos dá Lucas: moitas mulleres seguían, acompañaban a Xesús, coma discípulas, coma compañeiras no mesmo soño de dignidade, de liberdade para cada un, para cada unha, para o pobo en conxunto; implicadas no de Xesús con todo canto eran e tiñan. Cousa verdadeiramente insólita naqueles tempos. Unha vez máis o Xesús libre e liberador que tanto nos cuestiona e nos ofrece a todos, a todas.


Preces:

SALVOUTE A TÚA FE. VAI EN PAZ
  1. Que nesta celebración de hoxe e sempre sintamos e vivamos cada un de nós, con moita forza, estas palabras alentadoras de Xesús:
  2. Que todas, todos, cantos formamos esta comunidade cristiá, esta parroquia, nos saibamos achegar con tenrura e servizo ás persoas máis débiles e desprezadas, para que nas súas vidas resoen tamén estas palabras de Xesús:
  3. Para que haxa persoas que saiban acompañar as mulleres prostitutas e axudalas a romper con calquera abuso ou explotación, e poidan escoitar a Xesús dicíndolles con forza e convicción:
  4. Para que todos, todas, loitemos por crear na sociedade posibilidades de vida e de futuro para as mulleres, e non haxa que lamentar tantas vidas abusadas, rotas, e así resoen con máis verdade as palabras de Xesús:
  5. Que a xente relixiosa teñamos moitas entrañas de misericordia, coma Xesús, e non nos deixemos levar por prácticas relixiosas que nos arreden da acollida e do perdón. Que todos, todas, con Xesús, sempre saibamos dicir:


Pregaria:

Todas, todos, somos putas (con perdón, con respecto),
todas, todos, somos, fillos de puta (con perdón, con respecto tamén),
un pouco, polo menos,
bastante, polo menos.

EFE/M.P. Barriopedro
Todos, todas, xogamos ao amor,
co amor,
cambiamos esa capacidade preciosa do noso ser:
amar a fondo e ser a fondo amadas/os,
por unha paga raquítica,
por unha compensación inmediata.

Facémolo así por fraxilidade ou por ruindade,
abusado, explotadas, ou compracidas/os,
pensando que nos comemos o ceo,
ou crendo que nos fundimos no inferno.

Chulos/as ou amargados/as,
Pasotas ou pesarosos/as,
estragamos o amor,
reducímolo á mínima expresión,
deixámolo en nós coma cana fendida,
incapaz de espertarnos á vida cada mañá.

"Nós, as mulleres na Igrexa"
Ai, se batésemos contigo, Xesús,
se en calquera hora de calquera día
a nosa ollada se cruzase coa túa
e o noso corazón se achegase ao teu
para descubrir a ledicia humilde do amor,
amando a fondo e sendo a fondo amada/o!

Daquela iríamos tamén prostrarnos aos teus pés
ou aos pés da xente máis pobre
--que é o mesmo e aínda así o prefires--,
para bañarchos con bágoas sentidas,
para bicarchos con bicos namorados,
para secarchos con tenrura agradecida.

Doídos/as de ter perdido a vida,
de ter pechado o amor e a súa fonte,
pero chorando de alegría
por ter recuperado en ti
unha nova maneira de verme e ver a xente,
unha nova maneira de amar, de verme amada.
Acendéndose en min as luces da alborada,
a novidade que enche corpo e alma.

E escoitar da túa boca, Xesús,
palabras de alento, esperanzadas:
salvoute a túa fe, amiga, irmás,
salvoute a túa fe, vai en paz, amada.


Signo:
  • Algún xesto de proximidade, de abrazo, de bicos.
  • Algunha imaxe de prostitutas.
  • Un grupo de mulleres, unha manifestación feministas.
  • Unha imaxe de Mulleres Cristiás Galegas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.