mércores, 4 de maio de 2016

8 de maio: Solemnidade da Ascensión do Señor


Evanxeo: Lc 24, 46-53

Comentario:

Estamos ante o texto final do evanxeo de Lucas. As primeiras persoas cristiás tiveron unhas vivencias intensas ao redor da morte e da resurrección de Xesús. Esas vivencias intensas os evanxelistas plasmáronas en relatos, e, uns máis ca outros, tamén as diversificaron no tempo e no espazo: resurrección, encontros con Xesús, don do Espírito, Ascensión, sendo que todo este conxunto de realidades forman unha unidade que ten por centro a resurrección de Xesús. O evanxeo de hoxe empeza poñendo na boca de Xesús un precioso resume do experimentado polos seus primeiros seguidores e seguidoras, e conclúe cun relato un pouco simplista, simbólico, do feito mesmo da Ascensión.

Cáritas de Ribeira (Revista Irimia)
O resume do experimentado polas persoas seguidoras de Xesús é sinxelo e fondísimo, e sinala aspectos que teñen unha total actualidade para quen hoxe nos seguimos apuntando ao seu discipulado. Primeiro dinos como os primeiros cristiáns e cristiás, levadas polo Espírito, caeron na conta da reinterpretación vital que Xesús fixera da figura do Mesías, e, polo tanto, do seu propio liderado e de todo liderado que se pretenda chamar cristián. Á resurrección, á plenitude da vida, ao gozo dunha vida enteira, consistente, feliz, resucitada, accédese a través do amor, do apaixonamento, do conflito, do padecemento. É o que dicía Xesús mesmo de que el non viñera para ser servido senón para servir. Este é un sinal de identidade de todo liderado cristián, é unha excelente achega que os cristiáns podemos facer en toda etapa histórica, tamén na presente, na que parece que os liderados están marcados en moitos casos pola busca do proveito e das propias comenencias e non do servizo. No Papa Francisco estamos vendo cousas propias do liderado de Xesús, e por iso nos está gustando tanto e exerce unha boa atracción sobre nós. En parcelas máis pequenas ou máis grandes case todas temos algún liderado que exercer, non só o Papa.

Outra cousa importante do descuberto polas primeiras persoas cristiás: no nome de Xesús, na súa persoa, na súa vida, no seu estilo de ser e de afrontar as cousas, na súa maneira de situarte ante a debilidade e ante o poder, en Xesús, hai un inimaxinable potencial de cambio, de conversión, de recuperación, de perdón, de novidade para todas as persoas, para todos os pobos. Que cousa máis fermosa e de tanta responsabilidade temos nas mans as cristiás, os cristiáns! E, se así o podían afirmar aquelas persoas, era porque o estaban experimentando nas súas propias vidas, non era unha teoría barata. Non é esta tamén unha estupenda achega que as cristiás podemos ofrecer no momento presente de Galicia, de España, do mundo, ao que vemos tan precisado de novidade en liña de fraternidade, de xustiza, de paz? Non é esta a tarefa principal que Xesús nos puxo e nos pon nas mans, para que a desenvolvamos con ousadía nos tempos de hoxe tamén? Ben vemos que a cousa é moito máis ca un simple confesar os pecados e que alguén nolo perdoe no confesonario. É unha oferta de cambio e novidade fonda, persoal, social, pola que hoxe mesmo a sociedade tamén está clamando.

Refugiados y migrantes desembarcan del Blue Star Patmos.
El barco llegó a puerto con 2.000 refugiados a bordo que llegaron
a la isla de Lesbos desde Turquía durante los últimos días.
 / ORESTIS PANAGIOTOU (EFE)
Os primeiros discípulos e discípulas entenderon perfectamente que o seu labor principal era ser “testemuñas de todo isto”: do liderado e da vida coma servizo e da novidade rotunda de Xesús. E testemuña é a persoa que dá fe de algo porque o viu, porque o experimentou, porque o viviu. Para ser boa testemuña é moito máis importante a vida do que as palabras. O testemuño da palabra é máis doado ca o testemuño da vida, pero quen realmente nos chama, atrae e arrastra son as testemuñas vivas, as testemuñas que coa súa mesma vida nos mostran que o dito e falado é posible. Como nos gusta a todas, a todos, achegarnos a esas persoas, e deixarnos tocar e coller pola limpeza, simplicidade e verdade das súas vidas! Cando batemos con elas parece que se nos ensancha o corazón e que recuperamos as forzas para todo. Pensemos en persoas concretas que para nós foron ou son testemuñas de Xesús, do de Xesús. Coma persoas e coma comunidades cristiás podémonos preguntar que testemuño estamos dando. Podémonos preguntar que poderiamos facer para mellorar o noso testemuño. Podémonos preguntar tamén como achegarnos a testemuñas vivas para deixarnos inflamar pola forza da súa paixón cristiá.

Francisco Carballo
A proposta de Xesús, onte e hoxe, é unha proposta arriscada, simple pero esixente, por iso non é posible comprometerse con ela máis ca coa forza do don prometido, o poder que vén do alto, o Espírito do mesmo Xesús. Percibírono moi claramente as primeiras cristiás/cristiáns. Percibímolo nós tamén? Somos persoas de oración, desas que petan, chaman, buscan para ter o corazón e a vida sempre aberta ao regalo do Espírito?

No remate do seu evanxeo Lucas destaca dúas cousas que a el lle gustaron moito ao longo da súa presentación da boa nova de Xesús: a alegría e a pregaria. Son a preparación necesaria para recibir o Espírito, pero son tamén xa o sinal da súa presenza. Que ben nos faría a todas, todos, medrar nesas dúas experiencias.



Preces:

QUE O TEU ESPÍRITO, SEÑOR,
QUE O TEU ESPÍRITO NOS FAGA FORTES
  1. Para collerlle gusto ao servizo, e co servizo ser capaces de crear unhas relacións persoais e sociais novas, revolucionarias. Oremos.
  2. Para seremos testemuñas humildes e ousadas do teu estilo de vida, e contribuír así o que poidamos na melloría da sociedade na que vivimos. Oremos.
  3. Para afrontar as enfermidades, as desgrazas, as horas baixas, as soidades, os medos ante calquera cousa da vida. Oremos.
  4. Para ser valentes no momento presente e ser capaces de unirnos aos que loitan para que non acabemos sendo unha sociedade de privilexios para a xente rica e de máis carencias para a xente pobre. Oremos.
  5. Para manter en nós o don precioso do humor e da alegría, e para sosternos con humildade na oración. Oremos.

Pregaria:

Grazas polas túas testemuñas no mundo obreiro e mariñeiro,
Alfonso Mascuñana, voluntario en Lesbos
os homes e mulleres que coa palabra e coa vida
te fan presente e atraínte.

Grazas polas túas testemuñas no mundo rural,
as persoas que adiviñan a túa presenza viva
na natureza mesma que atenden e traballan
e na unión para a vida e para os traballos.

Grazas polas túas testemuñas no medio das comunidades cristiás,
os servidores e servidoras que explican con vida a túa palabra,
que comprometen a súa vida coa xente máis débil
e celebran agradecidas a túa presenza sempre alentadora.

Grazas polas túas testemuñas no seo das familias,
as que as coidan e miman con mil detalles cada día,
as que fan da casa un verdadeiro niño de afecto e alento,
un espazo aberto para o encontro e a esperanza.

Grazas polas túas testemuñas no mundo da dor e da enfermidade,
as que sofren con paz e esperanza,
con humor e sen malas maneiras,
sabendo agradecer as atencións recibidas;
as que na súa debilidade nos falan da túa forza.

Grazas polas túas testemuñas no medio da xente soñadora,
que non se contentan con seguir coas cousas como están,
nin na Igrexa nin na sociedade,
e nos falan de ti coa súa ousadía, coa súa reflexión, coa súa acción.

Grazas polas túas testemuñas entre as persoas que non son crentes
nin forman parte de ningunha comunidade relixiosa,
e, sen embargo, están apaixonadas pola honradez, pola xustiza,
e ao teu carón fan que a vida nos sexa máis levadeira e soñadora.

Desmond Tutu /RODGER BOSCH AFP
Grazas polas testemuñas da loita e da paz,
da alegría e da oración,
da constancia e da fidelidade,
do traballo e do esforzo,
da honradez e da xustiza,
da tenrura e da misericordia,
da pobreza e da simplicidade.


Signo:
  • Rostros de testemuñas da fe, da vida, da militancia cristiá e non cristiá, santos, santas e xente máis normal.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.