31 maio, 2016

5 de xuño: Domingo 10º do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 7,11-17


Comentario:

Volvemos ao que na Liturxia lle chamamos “Tempo Ordinario”, é dicir, aqueles días e semanas nos que na Liturxia non se celebra ningunha festividade especial, e simplemente se nos vai ofrecendo a lectura dun dos evanxeos –este ano o de Lucas--, para que vaiamos poñendo en contacto con el a nosa vida tamén normal, ordinaria, de cada día. É un tempo precioso, porque nos invita a ollar a vida normal con ollos novos, humildes, sosegados, confiados, creativos, sabendo que a nosa vida, aínda que sinxela e ordinaria e ás veces tamén dura, está chea de moitas cousas boas, de moitas posibilidades. E Deus, Xesús, quere estar ao pé da nosa vida de cada día, coa súa presenza, co seu alento, axudándonos a vivila con forza e alegría, con paz e esperanza. E con moita solidariedade sempre, porque é na solidariedade, na preocupación de uns polos outros e outras, no amor, onde en definitiva se encontra o sentido último e mellor das nosas vidas.

O evanxeo de hoxe fálanos de cómo Xesús, indo e vindo dun pobo a outro, atópase na vila de Naín cun acontecemento desolador: unha viúva enterrando o seu fillo único. Xesús ve, compadécese da nai, resucita o morto e entrégallo á nai. E aquilo provocou a loanza a Deus entre as persoas que tal cousa contemplaron. Non nos importa demasiado remexer na total historicidade ou non deste feito. Non estamos aquí para aprender a resucitar mortos; e tampouco Xesús está entre nós resucitando mortos, cando a morte chama á nosa porta, por moi amarga que sexa ás veces, como ben sabemos. O que non é conto, o que caracterizaba a Xesús, o que del podemos aprender para as nosas vidas, son algunhas cousas sinxelas, pero fundamentais, que nos permitirán poder recibir o consolo e a forza de Deus, e poder ofrecer logo algo diso a quen nos rodee.

Xesús andaba os camiños, ía de pobo en pobo, de aldea en aldea. Non estaba quieto na casa cos seus traballos, lendo libros, escribindo artigos, cartas pastorais, discursos... Non, el gustaba de andar, de saír, de ir dun lado ao outro, non por turismo, senón por bater coa xente, por interesarse pola xente, por coñecer cada vez máis as súas vidas, os seus traballos, as súas penas, as súas esperanzas. E, polo que os evanxeos nos contan, sabemos que tiña un aquel especial para ir batendo sempre con persoas ou grupos de persoas desas que peor o están pasando na vida. Nin que tivese un instinto especial para iso (que o tiña). Parece coma se lle ulisen as persoas atribuladas, marxinadas, para se encontrar moi frecuentemente no medio delas. Moito antes de que o recomendase o Papa Francisco, Xesús deixaba de darlles voltas a discusións internas para saír á periferia, aos marxes, onde se atopaba a xente máis precisada do alento de Deus. Se nos sentimos marxinais nalgunha cousas, podemos adiviñar a Xesús, no seu Espírito, moi preto de nós. Se queremos andar algo polos seus camiños, ofrécenos os primeiros pasos do estilo solidario que a el o caracterizaba. Unha boa orientación para as nosas comunidades cristiás nestes tempos de “nova evanxelización”: andar os camiños, saír ás zonas marxinais.

Xesús batía coa vida, batía coas persoas, para captar a súa graza e a súa desgraza. Xesús era un “místico de ollos abertos”, como se di hoxe por aí. Pódenos pasar que fagamos vida, que andemos camiños, que incluso batamos con xente, pero que o fagamos con ollos pechos para ver o que se fai e se move ao noso redor. E batemos coa xente coma se non batésemos. Vémola coma se non a vísemos. Despois de saír para andar camiños, abrir os ollos, ver, e o segundo paso para poder levar a cabo a solidariedade que libera, que salva, a nós mesmos e ás persoas coas que batamos. Xesús pódenos ensinar a abrir os ollos, a mirar, a mirar con mirada fonda, que nos permita entrar e chegar onde uns ollos abertos pero despistados non son quen de entrar e contemplar.

Só cando se sae polos camiños da vida, só cando batemos coa xente, só cando ollamos a vida e as persoas que a viven con ollos novos de solidariedade, só entón podemos conmovernos, podemos doernos de quen anda en aperturas; e a tenrura, a paixón por quen padeza hanos axudar sen dúbida a idear accións de resposta que abran camiños de vida, de resurrección, camiños alternativos que devolvan a paz, a esperanza a quen andaba derreada, desesperada.

O mundo, a sociedade nosa, está cheo de sufrimento, tamén de cousas que dan ánimo e alegría. Xesús invítanos a saír (hai moitas maneiras de saír), a ver, a compadecerse, a actuar. E que haxa quen loe a Deus porque as persoas desamparadas reciban amparo, porque esa é a especial preocupación de Deus.


Preces:

SEÑOR XESÚS, QUEREMOS ACOMPAÑARTE
  1. Deixémonos levar polo Espírito de Xesús, para saír das nosas casas, dos nosos grupos, das nosas comunidades, da nosa Igrexa, en busca da vida, con ánimo de encontrarnos coa xente e de facer vida con ela. Oremos.
  2. Deixémonos iluminar pola luz de Xesús, para que non andemos cegos pola vida, para que os nosos ollos aprendan a abrirse e ver como el vía. Oremos.
  3. Deixémonos empapar polo espírito de tenrura e de conmoción que movía o corazón de Xesús, para alegrarnos coas venturas da xente, para doernos das súas penalidades. Oremos.
  4. Deixémonos arrastrar polo dinamismo de Xesús, para poñernos a actuar o mellor que saibamos e poidamos e así axudemos a aliviar as vidas das persoas máis desfavorecidas que haxa entre nós. Oremos.
  5. Deixémonos coller pola paixón que Xesús tiña por Deus e pola xente, para vivir coma el ben unificados na fe, ben coherentes no amor. Oremos.


Pregaria:

Grazas, Xesús,
pola túa vida simple e fonda,
apaixonada e solidaria,
que te facía estar sempre ao carón das persoas
que gozaban a vida limpamente
ou que a sufrían inxustamente.

Grazas por terte parado tantas veces coas mulleres,
naqueles tempos nos que non era nada ben visto
pararse coas mulleres,
prestarlles atención,
acoller os seus sentimentos,
axudalas a poñer alento e dignidade nas súas vidas.

Grazas pola atención prestada á viúva de Naín,
á desnortada María de Magdala, recuperada polo teu amor,
a Marta e María de Betania, as túas amigas,
á prostituta anónima que che bicaba os pés,
á sirofenicia, tamén anónima,
que che axudou a ver a realidade con ollos novos,
á adúltera condenada que ti perdoaches,
á velliña xenerosa que suscitou a túa admiración,
e un longo etcétera que soamente ti coñeces.

Grazas polas persoas que nos tempos de hoxe
beben da túa paixón infinita, desmesurada,
e a practican diariamente coas persoas máis débiles,
achegándose aos nenos e nenas orfas,
ás adolescentes embarazadas,
ás nais solteiras,
ás mulleres separadas ou divorciadas,
ás mulleres que se aman e gozan entre si,
ás mozas ou esposas abusadas, violentadas,
ás nais con fillos e fillas desnortadas, perdidas, mortas,
ás viúvas de vivos ou de mortos,
ás velliñas soas nas súas casas ou en calquera residencia ou hospicio,
para darlles compaña, recoñecemento, afecto, dignidade, dereitos.

Grazas, Xesús,
por esa inmensa onda de amor solidario
na que nos ofreces entrar
polo noso ben, polo ben deste mundo noso que tanto amas.
Grazas.


Signo:
  • Algunha imaxe de rúas: andar na rúa, saír.
  • Algunha imaxe de ollos: ollos abertos, novos, solidarios.
  • Algunha imaxe de acción solidaria.
  • Algunha imaxe de mulleres en sufrimento ou agredidas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.