18 maio, 2016

22 de maio: Solemnidade da Santísima Trindade


Evanxeo: Xn 16,12-15

Comentario:

Pechando todo o tempo de Pascua, despois das celebracións finais da Ascensión e de Pentecoste, vivimos a solemnidade da Santísima Trindade. É unha maneira de dicir que todo o que no ano litúrxico vivimos, todo o que vivimos dentro e fóra do ano litúrxico, toda a nosa vida, toda a vida de todo canto é e existe, está dentro do marco simple e marabilloso, vivo e amante de Deus, a quen recoñecemos coma Pai/Nai que de forma permanente nos crea para a vida digna, completa, redonda, eterna; a quen recoñecemos coma Fillo, nun estoupido solidario de Deus, que en Xesús se nos amosou feito ser humano dunha maneira asombrosa; a quen recoñecemos coma ese potencial de forza e calor que é o Espírito. Se caésemos na conta de tanto don, de tanto privilexio! Quizabes afeitos/as a oír e dicir, a repetir isto con tanta rutina cada día, perdemos o sentido do asombro, e deixamos de vivir co inmenso gusto, forza e agradecemento que supón sabernos arroupados/as na vida por esta presenza viva de Deus.

Nós non somos uns espectadores do que a Trindade é e fai cara á vida. Somos receptores, con toda a humanidade, con toda a natureza, con todo o cosmos, desa forza para a vida que sae permanentemente do Deus trinitario, comuñón, familia, que estende ata nosoutros/as todo o dinamismo de unión e de solidariedade que constitúe a identidade limpa de Deus. Deus quíxonos meter, desde sempre, na roda amante, solidaria do seu ser. Está empeñando permanentemente nese servizo. Ata o punto de que nos quere un con el e entre todos e todas nós, nunha unidade misteriosa, fonda, real. Nós, que estamos sustentados permanentemente pola forza creadora de Deus, que somos fillos/as no Fillo, que, se nos deixamos, estamos regalados polo Espírito Santo de Deus, somos familia con Deus, somos comunidade con Deus, somos Trindade con Deus. Moito máis do que nós podemos pensar e imaxinar.

O evanxeo de hoxe, dentro da súa simplicidade, recórdanos que todo isto non é unha cuestión fría, morta, parada. Non son unhas teorías preciosas que, en realidade, nin nos van nin nos veñen. É algo vivo, no que están empeñados o Pai, o Fillo, o Espírito. Somos persoas vivas, somos comunidades vivas, somos unha sociedade viva, nas que están empeñados o Pai, o Fillo, o Espírito. O “invento” amante, solidario, comunitario, social, de Deus está en marcha na nosa historia persoal, social, eclesial. Realízase día a día nas mil circunstancias nas que, á luz ou á sombra de Deus, podemos poñer en funcionamento as moitas formas que pode e debe adoptar o amor, a solidariedade, o servizo. Cada día, momento a momento, se procuramos enredarnos coa xente en cousas de amor e de servizo, de respecto e de apoio, podemos desenvolver nas nosas vidas o feito marabilloso da Trindade; cada día tamén, se miramos para o noso proveito nada máis, como persoas ou como comunidade, podemos ir afogando ese invento marabilloso de Deus e convertemos as nosas vidas en desunións, en rivalidades, en abusos, en desamparos cara á xente máis débil que máis precisa o don do comunitario.

O Evanxeo advírtenos que estamos en camiño, que estamos en busca, que ninguén debería ter seguridades plenas, experiencias redondas de amor e de solidariedade, que nos queda moito por andar e por facer. Ben o vemos, nada máis con estender a nosa ollada sobre o corpo das parroquias, das comunidades cristiás, da sociedade, dos pobos. Canta solidariedade nos fai falla aínda! Canto respecto cara ás diferenzas, canta atención ás persoas máis débiles! Acertar nos camiños do amor e do servizo estaría ben que fose a nosa máis importante tarefa como persoas, como comunidades cristiás. Sabendo que o acerto non o temos nós, que o ten o Espírito de Deus; pero sabendo tamén que Xesús nos regala o Espírito, que quere encher as nosas vidas con ese precioso obsequio.

A Igrexa toda, as comunidades cristiás católicas estamos nun momento moi especial, moi esperanzado, coa presenza do novo Papa Francisco. Estamos nun tempo de graza. Estamos nun tempo do Espírito. Estamos nun tempo de reinventar que é iso de ser, á sombra de Deus, unha Igrexa comunidade, unha Igrexa que estea atenta aos retos que o momento presente nos presenta, unha Igrexa abundante en Espírito de Deus, abundante en amor, en misericordia, en pobreza, para mellor atender a xente pobre, e entre ela testemuñar o Deus Trindade, o Deus comuñón, o Deus solidariedade. Para gloria de Deus, para alivio e mellora de quen na vida sofre máis os efectos da soidade, do abandono, ata a amargura.

Preces:

NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO
  1. Que coa forza que nos vén de Deus saibamos facer unión, comunidade, sociedade, achegándonos para iso especialmente ás persoas máis diminuídas. Oremos.
  2. Que sexamos conscientes do gran regalo de sermos persoas amadas, acompañadas, sostidas por Deus, que sexamos agradecidas por iso, e que compartamos ese regalo amando, acompañando e sostendo a quen o precise. Oremos.
  3. Que nos doian as persoas que máis padecen, e que coma Xesús nos baixemos ás súas vidas e nos solidaricemos a fondo cos seus sufrimentos. Oremos.
  4. Que coa nosa honradez, coa defensa dos nosos dereitos, contribuamos a ter uns pobos máis vivos e libres en todo. Oremos.
  5. Que a xente parada, que as familias sen recursos atopen en cada un de nós, e nas comunidades cristiás, apoios e esperanzas. Oremos.


Pregaria:

XUNTEMOS CEO E TERRA,
FAGAMOS UNIDADE,
CREADOR E CREATURA,
VIVAMOS A TRINDADE.

COS LAZOS DA XUSTIZA,
COS LAZOS DO PERDÓN,
COS LAZOS DO ESPÍRITO,
COS LAZOS DO AMOR.

Se no Fillo fillos somos,
familia, comunidade,
nas nosas vidas vivimos
o regalo da Trindade.

Se coa xente pobre somos
creadores de irmandade,
na nosa Igrexa vivimos
o regalo da Trindade.

Cando entre os pobos facemos
unión, solidariedade,
na loita do amor vivimos
o regalo da Trindade.

Cando coidamos da terra
nai, fogar de humanidade,
nos nosos mimos vivimos
o regalo da Trindade.

Se coa xente compartimos
ledicias, penalidades,
no que sentimos vivimos
o regalo da Trindade.

Na oración e no silencio,
na pobreza, na humildade,
con alegría vivimos
o regalo da Trindade.

No xenio e na tenrura,
na protesta e na bondade,
sinxelamente vivimos
o regalo da Trindade.

Unha moza exhibe un cartel nunha rúa preto da praza de Sol,
durante o 15-M /á. garcía
Descubrindo con Xesús
de Deus a libre vontade,
na nosa busca vivimos
o regalo da Trindade.

Desde o Pai e con Xesús
camiño, luz e verdade,
no Espírito vivimos
o regalo da Trindade.

Como don, como promesa,
como xa realidade,
no día a día vivimos
o regalo da Trindade.

Signo:
  • A imaxe trinitaria na que a Trindade está coidando o ser humano ferido.
  • Calquera imaxe que indique unión, compartir, solidariedade, comuñón, coma varias persoas abrazadas, ou un grupo de persoas unidas avanzando (a imaxe da película “Novecento”).


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.