13 abril, 2016

17 de abril: Domingo 4º de Pascua (C)


Evanxeo: Xn 10, 27-30

Comentario:

O texto deste domingo, coma os dos domingos seguintes, é un texto breve. Poucas cousas, moi substanciais, que marcan fondamente a nosa identidade cristiá, ás que sería ben que lle fixésemos un oco no noso corazón, na nosa vida. Xesús aparece no evanxeo falándolles aos fariseos. É un recurso literario de Xoán. O evanxelista Xoán --e con el os grupos que o secundaron— despois da morte de Xesús, por sentilo vivo no medio da comunidade, empezaron a reflexionar, a orar, a vivir esa nova presenza de Xesús e a formulala con textos moi densos, coma este que hoxe se nos ofrece. Quen é Xesús para nós, quen pode ser para nós, como persoas e como comunidade cristiá? Quen é Xesús para nós nos tempos complexos que estamos vivindo?

Xesús foi medrando nunha experiencia fonda de unidade, unidade co Pai/Nai, que o levou a unha unidade coherente e solidaria coas persoas, coas máis débiles sobre todo, porque son as persoas máis débiles as que provocan e reclaman a urxencia do un, da unidade, do compartir, da comensalidade, do servizo. Foi descubrindo e vivindo a fondo que o seu ser estaba afincado en Deus, no un, no todo, no todo amor, no todo perdón, no todo misericordia, no todo xustiza, no todo paz. Ata o punto de poder dicir con convicción: o Pai/Nai e máis eu somos un. O descubrimento progresivo desa identidade fíxoo participar no poderío enorme de Deus, que é un poderío de vida e de servizo. Xesús ábrenos a mente, os ollos e os corazóns para a comprensión da nosa propia identidade: tamén nós estamos chamados a ser un con Deus; esa é a nosa identidade máis fonda e verdadeira. Xesús traballou isto ao longo da súa vida, e traballouno co estilo de vida que polos evanxeos ben coñecemos. Como o traballamos nós, como o traballamos nas nosas comunidades?

Xesús estivo sempre coa ollada, co corazón posto na xente, na máis débil preferentemente. A chamada do Un, da unidade coherente, foi viva e consecuente nel. E el converteuna en dúas cousas básicas: coñecer e dar vida. Os que saben de lingua e cultura bíblica dinnos que coñecer para un xudeu era algo moi fondo, que ía moito máis alá de saber catro cousas sobre cada persoa. Coñecer era coñecer, por suposto, pero tiña moito que ver co intimar, coa capacidade de entrar a fondo na interioridade dunha persoa, con amor, con respecto, con vontade de servizo, coma dicindo: aquí me tes para todo o que che faga falla. Non era, nunca, un coñecer para condenar, senón para aportar comprensión, alento, esperanzas, vigor, vida, vida firme, vida consistente, “vida eterna”, como gusta dicir o evanxelista Xoán.

Xesús ofrécesenos así a cada un/unha de nós, a cada unha das nosas comunidades. Xesús, Deus en nós, preséntasenos, ofrécesenos cunha enorme intensidade, coma un verdadeiro reto vital. Xesús, Deus, coñécenos, a fondo, ámanos, acompáñanos, úrxenos para a vida. Quen se quere embarcar nesta experiencia progresiva, marabillosa, que comporta tanta garantía de vida? Cando como persoas ou como comunidade cristiá miramos cara a fóra, e nos diriximos aos nosos veciños/as, crentes ou non, participamos do estilo de Xesús? Somos, coma el, portadores/as dunha oferta similar: coñecer e servir? Non debería ser isto o corazón da nova evanxelización?

Manifestación estudiantil en Vigo. ®Erguer
O de Xesús, o de Deus en nós, non é unha oferta de pasividade. Pide resposta e colaboración, pide compromiso. O evanxeo de hoxe resúmeo en dúas palabras: escoita e seguimento. Escoitar significa andar coa orella aberta, co corazón aberto, a toda voz, a todo sinal, que nos poida vir de Deus. Deus é inmenso. A súa presenza éncheo todo, e, por iso mesmo, en todo podemos escoitar a súa voz. Xesús, Deus, intensifica, clarifica a súa presenza nas persoas máis débiles, máis marxinais, de aí que sexa nelas, entre elas, onde con máis claridade podermos escoitar a súa voz. Deus fálanos, máis que desde os libros, desde a vida. Andamos, como persoas e como comunidade, nesta onda do mellor escoitar, para mellor seguir e amar?

O seguimento de Xesús vén determinado polos mesmos pasos do Evanxeo. Non se nos propón seguir a ningún ser extraterrestre. Nin a ningunha figura ou mito virtual. Para o seguimento ofrécesenos a persoa dun tal Xesús de Nazaré, que viviu como viviu, que amou como amou, que andou entre ricos e pobres como andou, que se apaixonou por Deus e polos débiles como se apaixonou, que entrou en conflito cos poderes relixiosos como entrou, que padeceu e morreu e resucitou, por esta orde, como el o fixo. A vida abundante, consistente, eterna, que nos garante vai vinculada a este camiño simple, humilde, do que, grazas a Deus, coñecemos os detalles suficientes para non errar. Xesús resucitado estanos convidando. O convite da Eucaristía leva encerrado, como sorpresa, este convite maior, este convite da vida plena.


Preces:

QUE SAIBAMOS ESCOITARTE E SEGUIRTE, SEÑOR

  1. Que teñamos valentía para escoitarte no clamor das persoas máis pobres e marxinais que tanto abundan na nosa sociedade. Oremos.
  2. Que saibamos escoitar e seguirte na voz da natureza, que nos fala de respecto e coidados, de compartir e non acaparar os bens da terra, da vida. Oremos.
  3. Que teñamos humildade para escoitarte e seguirte nas voces de protesta dos grupos sociais que máis están reivindicando unha maneira nova de organizar a sociedade. Oremos.
  4. Que abramos os nosos oídos ás voces do Terceiro Mundo, que reclaman poder vivir coma persoas humanas. Oremos.
  5. Que te escoitemos na voz das mulleres, na voz do feminismo, que conmove moitas seguridades culturais e éticas que tiñamos tan asumidas. Oremos.
  6. Que te escoitemos, Xesús, cando nos invitas tamén a entrar con paso humilde e ousado no misterio de Deus, e a vivir na súa presenza. Oremos.

Pregaria:

Meu Pai e máis eu somos un.
Que así eu tamén, Xesús,
que así sexa eu un
contigo, co Pai, no materno Espírito,
sentindo contigo,
amando contigo,
servindo contigo,
pacificándome a fondo contigo.

Que sexa un contigo, Xesús,
que sexa un cos meus irmáns e irmás,
que sexa un coa xente desafiuzada,
coñecéndoa, tratándoa,
doéndome con ela,
sentindo con ela a súa mesma rabia,
reclamando con ela o dereito elemental
ao froito do seu esforzo.

Que sexamos un contigo, Xesús,
que sexamos un coas persoas máis débiles e marxinais,
máis abandonadas e deterioradas
(a N., o N., a N.,),
que as desgrazas da vida,
os abusos doutras persoas
ou o propio abandono
queren repañar da man do Pai.

Que sexamos un contigo, Xesús,
que sexamos un con esta natureza preciosa
que esperta pascual na primavera,
defendéndoa de violacións, de agresións,
agradecéndoa, traballándoa, coidándoa, gozándoa.

Que sexamos un contigo, Xesús,
que sexamos un coa xente malvada, abusona,
entrando no seu corazón esgazado,
ofrecéndolle de mil maneiras o tesouro de vida
agachado na sinxeleza de vivir e convivir
coma irmáns, coma irmás.

Que sexamos un, Xesús, contigo,
que sexamos un,
renunciando á autoafirmación prepotente, exclusiva,
sobrepoñéndonos á constante tentación de estar no centro
sendo amos de cartos, mandos e prestixios,
para gozar humildemente
co don, coa graza da común unidade,
da comunidade.

Que sexamos un contigo, Xesús,
co Pai, no materno Espírito.

Signo:

  • Flores formando un ramo,
  • Espigas formando un mollo,
  • Persoas formando un grupo,
  • Mans entrelazadas,
  • Multitude celebrando a vida,
  • Multitude reivindicando algo da vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.