04 abril, 2016

10 de abril: Domingo 3º de Pascua (C)


Evanxeo: Xoán 21, 1-19


Comentario:

Nas celebracións eucarísticas destes domingos seguimos dándolle voltas, coa mente e co corazón, a relatos que nos sitúan ante a resurrección de Xesús e o seu significado para as nosas vidas e para as nosas comunidades cristiás. Xoán, coma os demais evanxelistas, traballa e ordena os datos que recibe da tradición para transmitir o que realmente quere transmitir, neste caso o alcance de ser membro dunha comunidade na que se cre que Xesús está vivo e que acompaña aos seus seguidores e seguidoras con familiaridade, forza e determinación. Neste caso, parece que o evanxelista Xoán optou por recompoñer e xuntar nun único relato de aparición o que eran dous relatos, un de pesca milagrosa e outro de comida en comunidade co Cristo resucitado.

É importante, por sinxelo e cotián, o espazo onde o evanxelista describe a acción e tamén o son os compoñentes da mesma: un mar, o de Galilea, unha beiramar, uns pescadores, sete, unha xornada de traballo, unha experiencia de fracaso laboral, a incitación dun “estraño” que se suma ao que está pasando, a abundancia da pesca con números máxicos que falan de gozos e plenitudes, o lume e brasas na praia, o peixe asado, a invitación a comer...; e, en todo isto, a experiencia dun encontro sinxelo, denso, fondo, que marca a vida, no presente e no futuro dos asistentes. E por debaixo da linguaxe normal, un mundo de símbolos que nos poden dicir moito a quen hoxe pretendemos deixarnos coller tamén pola maxia do encontro con Xesús resucitado e da vida nova que dese encontro se deriva. Cadros coma o descrito polo evanxelista abundan nas nosas vidas de homes e mulleres de aldea ou de cidade. Aí, nese marco de vida nada sagrado, ou, se se quere, fondamente sagrado a forza de humano, nese marco de vida é onde nós, o mesmo que aqueloutros discípulos podemos sentir, vivir, experimentar que Xesús está vivo e que se nos ofrece na sinxeleza do compartir, na demanda de máis amor e máis e mellor servizo á comunidade cristiá, e, desde a comunidade cristiá, á sociedade, ao mundo.

A comunidade cristiá que se debuxa no relato é unha comunidade cristiá unida na busca do pan de cada día, e unida tamén na misión de compartir o de Xesús “pescando xente” para o gozo da fraternidade, para a seriedade e a festa dunha vida digna, sen abusos, con traballo para todos/todas, sen excluídos, con pan e peixe para todas/todos, sen grandes requisitos de trato e relación, desde o coñecemento sinxelo e fondo de sabernos uns a outros/as irmás, irmáns. Unha comunidade cristiá que bota as redes a babor e a estribor, que recolle e abriga moitos peixes, grandes, e as redes non rachan, e a barca non se funde, e a comunidade acepta e goza coa abundancia na diversidade, e collen todos, e non sobra ninguén, e a graza de cadaquén é valorada e posta en servizo, e os rostros quedan iluminados pola presenza viva de Xesús e pola luminosidade de tanta cousa sinxela que densifica as vidas de cada persoa e a vida do conxunto da comunidade cristiá.

O relato ensínanos tamén a situar a autoridade dentro da comunidade cristiá desde a experiencia de resurrección. O evanxelista Xoán gusta de contrapoñer e completar a un tempo o papel do carisma, do gratuíto, do non controlado, o papel do amor, do amante, co papel de quen ten e exerce autoridade dentro da comunidade. O discípulo amado por un lado, e Pedro polo outro. O discípulo amado, o amor, abre sempre os camiños, fai os descubrimentos, dá os primeiros pasos, lanza as persoas, as comunidades cara ao encontro con Xesús; a autoridade obedece as indicacións do amor, e déixase levar apaixonadamente polas súas insinuacións. Á luz do resucitado, a autoridade na igrexa é cabal cando se rende ás esixencias do máis amor aínda, e cando non sabe dicirse máis que en forma de servizo. Porque así era exactamente como Xesús entendía iso de ser e de ter autoridade. Só unha autoridade que vaia por diante na tarefa de amar máis, de amar a tope, de servir tamén a tope, é digna de ser considerada autoridade cristiá, autoridade nacida ao abrigo do encontro con Xesús vivo.

Na Igrexa estamos estreando autoridade na persoa do Papa Francisco. Polo que imos vendo e oíndo, os seus xeitos parecen coincidir bastante co que o Evanxeo de hoxe nos transmite. Un pastor que ama e serve desde a sinxeleza e que nos provoca a investir a nosa vida en tarefa similar. Unha sorte, unha bendición para todos e todas nós, unha experiencia de Pascua para a Igrexa e para o mundo, ante a que estamos tamén nós situados, non como espectadores/as, senón como actores/as, que podemos deixarnos provocar por quen vai diante e abre camiño, ou seguir rosmando polo baixo, laiándonos de que non hai quen pesque nada, de que os peixes son tan soberbios que non queren entrar na rede, de qué pinta comigo na rede este peixe de cores tan raras, etc. Unha igrexa que mire por si e para si, ou unha Igrexa que se desfai para que o mundo teña vida, para que as persoas máis débiles e pobres do mundo teñan vida. A iso nos convoca Xesús resucitado, e a iso nos convoca tamén, no seu nome, no nome de Xesús, o Papa Francisco. Na Eucaristía comemos con Xesús, con toda a comunidade, o peixe e pan da fraternidade. Que nos aproveite.

Preces:

SEÑOR, TI SABES QUE TE QUERO
  1. Ti sabes, Señor, que nos gusta a túa vida, a túa maneira de falar e de vivir, a túa maneira de tratarnos e de tratar a toda a xente, aínda que logo nos custa seguirte. Por iso dicímosche de corazón.
  2. Ti sabes, Señor, que tamén Deus nos apaixona, que nos ilusiona sabernos obxecto de tanto amor, de tanto coidado, de tanto servizo, aínda que logo non sexamos abondo agradecidas. Por iso dicímosche de corazón.
  3. Ti sabes, Señor, que nos atrae o grupo, a comunidade cristiá, baseada en ti, animada por ti, seguidora dos teus camiños, aínda que logo non a gocemos nin lle aportemos todo o que deberamos. Por iso dicímosche de corazón.
  4. Ti sabes, Señor, que nos conmoven as moitas persoas pobres que hai na parroquia, no mundo, con tantas clases de pobreza, e que, seguíndote a ti, queremos debernos a elas, aínda que logo sexamos tan limitados no intento. Por iso dicímosche de corazón.
  5. Ti sabes, Señor, que te queremos, que gozamos coa túa amizade, que descansamos en ti as nosas vidas, que na saúde e na enfermidade, na pobreza e na riqueza, na vida e na morte, nos poñemos confiadamente contigo nas mans de Deus. Por iso dicímosche de corazón.


Pregaria:

(pensando con dor na xente desafiuzada)

Un fogar, Señor,
eu só desexo un fogar.

Un fogar onde estar,
durmir, espertar, comer, folgar, amar,
onde vivir e convivir.

Só un fogar, Señor,
onde ter a sensación de abrigo e de acougo,
de seguridade e de afecto.

Pido moito, Señor?
Un fogar, só un fogar
do que poder saír cada mañá airosa,
para o traballo,
para a convivencia social,
para as loitas solidarias,
para gustar do fogar grande do mundo
onde todos e todas somos un,
irmáns e irmás na mesa e na conversa,
nos soños e nos seus cumprimentos.

Non é moito, verdade, Señor?
Só un fogar,
onde chegar cada noite,
para pousar os corpos cansos,
os espíritos esgotados,
e compartir ambos, corpo e espírito,
coa xente amada que a un lle quere,
e gustar así a dozura de vivir,
e programar as tarefas
para que ninguén se sinta privado de tan simple dozura.

Ai de quen destrúe fogares!
Ai de quen priva dos fogares!
Ai de quen comercializa cos fogares
e con quen os habita gustosamente
por un prato de lentellas,
ou por uns miles de euros!
Ai de quen, podendo,
nega as posibilidades para que todo o mundo teña
simplemente
un fogar!

Signo:
  • Unha escena de pesca, redes, xente, peixe.
  • Unha escena na que alguén cociña, na que se comparte a comida.
  • Dous rostros próximos, falándose, , interesándose, provocándose en positivo.
  • Un fogar por dentro.
  • Unha manifestación de xente desafiuzada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.