27 abril, 2016

1 de maio: Domingo 6ª de Pascua (C)


Evanxeo: Xn 14, 23-29

Comentario:

Seguimos de conversa con Xesús, Xesús resucitado, presente nas nosas vidas. Seguimos escoitando a súa explicación sobre as maneiras de ir vivindo día a día esa presenza. Queremos escoitalo sen deixar de lado nada do que somos e vivimos, nada do que é e está vivindo a sociedade da que formamos parte, os veciños e veciñas, os irmáns e irmás que fan connosco comunidade cristiá e/ou pobo. Temos diante ese reto anunciado por Rahner: a cristiá do presente e do futuro inmediato ou será mística ou non será cristiá/án. Queremos acceder a esa condición de místicas/os, guiados polo grande místico que foi o evanxelista Xoán e os homes e mulleres que formaron a súa escola de espiritualidade e de vida. Pero unha mística para andar pola casa, pola familia, pola historia; unha mística cos pés na terra, apegada ás persoas máis débiles, unha mística de ollos abertos. Coma a de Xesús.

23 abril, 2016

do 10 de abril ao 21 de maio de 2016


Lecturas:
  • TORRES QUEIRUGA, A., A Eucaristía, encontro vivo co Señor. (do material entregado pola Escola de Espiritualidade)


Preguntas para motivar e orientar a lectura:
  1. Por que che parece que a Eucaristía é o sacramento central?
  2. Cando pensabas/pensas que Cristo se fai presente na Eucaristía?
  3. Se Cristo está sempre presente, que significa a "consagración"?  Observa os xestos dos distintos sacerdotes á hora de consagrar: a onde dirixen os seus ollos e as súas palabras?  Por que será?
  4. Son iguais todas as presenzas de Cristo? En que se diferencian?
  5. Que che parece o cambio na denominación "corpo místico" de Cristo: antes, Eucaristía; agora, Igrexa?
  6. Significado e práctica da "comuñón": pan e viño, Cristo, os demais, o mundo. Relaciona con isto o antigo "ite, missa est"

Cuarto encontro curso 2015 / 2016



O Papa Francisco: "As divisións son un escándalo, o compromiso ecuménico debe aspirar á celebración común da Eucaristía e a unidade realízase sempre na diversidade reconciliada". A unidade non chegará coma un milagre: está en camiño, faina o Espírito Santo no camiñar cara a ela. A verdade non se fai nun laboratorio, faise na vida, buscando a Xesús para atopalo. O diálogo teolóxico é importante, pero entendido coma un intercambio de dons, non coma mero exercicio teórico; debe permitir coñecer a fondo as recíprocas tradicións para comprendelas e tamén para aprender delas. Pódese ir facendo unidade de forma práctica: rezando xunt@s, traballando xunt@s, buscando a paz, custodiando a Creación, axudando os pobres, defendendo a liberdade relixiosa, o matrimonio e a familia. A unidade é en primeiro lugar un don de Deus polo que debemos incesantemente rezar.

Cuarto encontro do curso 2015 / 2016


Oración pascual, celebrando a vida

Signo: Veliñas e flores

1.- Silencio, sentimos a vida en nós, no propio corpo, no propio ser. O grupo, un forno de vidas.

CANTO:  SEÑOR, DEUS NOSO, QUE ADMIRABLE É O TEU NOME
             EN TODA A TERRA, EN TODA A TERRA.

22 abril, 2016

24 de abril: Domingo 5º de Pascua (C)


Evanxeo: Xn 13, 31-33ª. 34-35


Comentario:

De novo estamos ante un texto do evanxelista Xoán; neste caso collido do comezo da longa conversa, que segundo este evanxelista, Xesús tivo coas persoas que o acompañaban coma discípulas e discípulos no transcurso da cea de despedida, a última cea, que Xesús celebrou con esas persoas. A esta conversa longa chámaselle con frecuencia o “testamento” de Xesús, testamento que hai que entender non en sentido xurídico, senón no sentido próximo e cordial, case íntimo, de quen, adiviñando próxima a súa morte, comparte coas persoas queridas que o rodean recordos e consellos, vivencias habidas e desexos de futuro.

13 abril, 2016

17 de abril: Domingo 4º de Pascua (C)


Evanxeo: Xn 10, 27-30

Comentario:

O texto deste domingo, coma os dos domingos seguintes, é un texto breve. Poucas cousas, moi substanciais, que marcan fondamente a nosa identidade cristiá, ás que sería ben que lle fixésemos un oco no noso corazón, na nosa vida. Xesús aparece no evanxeo falándolles aos fariseos. É un recurso literario de Xoán. O evanxelista Xoán --e con el os grupos que o secundaron— despois da morte de Xesús, por sentilo vivo no medio da comunidade, empezaron a reflexionar, a orar, a vivir esa nova presenza de Xesús e a formulala con textos moi densos, coma este que hoxe se nos ofrece. Quen é Xesús para nós, quen pode ser para nós, como persoas e como comunidade cristiá? Quen é Xesús para nós nos tempos complexos que estamos vivindo?

04 abril, 2016

10 de abril: Domingo 3º de Pascua (C)


Evanxeo: Xoán 21, 1-19


Comentario:

Nas celebracións eucarísticas destes domingos seguimos dándolle voltas, coa mente e co corazón, a relatos que nos sitúan ante a resurrección de Xesús e o seu significado para as nosas vidas e para as nosas comunidades cristiás. Xoán, coma os demais evanxelistas, traballa e ordena os datos que recibe da tradición para transmitir o que realmente quere transmitir, neste caso o alcance de ser membro dunha comunidade na que se cre que Xesús está vivo e que acompaña aos seus seguidores e seguidoras con familiaridade, forza e determinación. Neste caso, parece que o evanxelista Xoán optou por recompoñer e xuntar nun único relato de aparición o que eran dous relatos, un de pesca milagrosa e outro de comida en comunidade co Cristo resucitado.