mércores, 23 de marzo de 2016

Pregón Pascual 2016


Amigos e amigas, compañeiros e compañeiras,
cando é noite, noite pecha,
como locen as veliñas,
como aledan,
como brincan no ar con inocencia,
como fenden a negrura que as rodea!
Así Cristo entre nós, irmás queridas,
así Cristo entre nós, irmáns queridos,
luz e lume,
calor, vigor e fortaleza.

CRISTO É A NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA VIDA
CRISTO ÉA NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA FESTA.

O inverno pesou sobre de nós
con fríos, augas, neves, xeadas feras,
a vida estaba agochada, como morta,
á espera do don da primavera,
e volve a vida, emparellan os paxaros,
agroman as plantas, as árbores froiteiras,
e, como a vida está petando á porta,
xa podemos ir facendo a sementeira.
Así Cristo entre nós, irmáns queridos,
así Cristo nas nosas vidas cansas,
Cristo para nós vida e primavera.

CRISTO É A NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA VIDA
CRISTO É A NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA FESTA.

Na aldea somos poucos, somos menos,
na aldea vai a máis a xente vella,
pero que guapos e grandes somos,
co noso pelo branco, coas nosas mans con gretas,
que falan de amor e de traballo,
de loitos, de loitas e de festas.
Vainos morrendo a xente,
a Amparo, a Encarnación,
a Carme do Pateira,
e outras e outros das parroquias lindeiras.
E, sorte que temos, cada ano,
coma froitos do amor, a gran promesa
dos nenos e nenas que nos nacen,
regalos do Deus bo que de nós terma:
a Paula do Pablo e máis da Lina,
a Ioana do Xavier e da Xosefa
o Alex da Kati e e máis do Pablo,
a Adriana do Suso e da Vanesa..

Así Cristo entre nós, irmás queridas,
así Cristo entre nós, que non nos deixa,
garantía de vida aínda na morte,
xermolo agromando nesta terra.

CRISTO É A NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA VIDA
CRISTO É A NOSA LUZ
CRISTO É A NOSA FESTA.

O mundo non vai ben, é cousa certa,
abusos e abusos a moreas,
xente no paro, xente na rúa,
xente que sofre e sofre mil pobrezas.
Non hai día que na tele non nos falen
de liortas, de vinganzas e de guerras.
Enriquécense uns coa venda do armamento,
sosteñen os conflitos buscando comenencias.
Mortos, exiliados, refuxiadas,
inocentes que soportan fondas penas,
mentres rin os poderosos e entolecen
buscando eles medrar á conta allea.
Mesmo hai quen no nome do Deus bo
para a morte e o exterminio ergue bandeiras.

Pero Cristo entre nós, irmáns queridos,
é Cristo vivo, de paz, de resistencia,
de paciente e esperanzada loita,
oíndo sempre os laios da inocencia.

CRISTO É A NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA VIDA
CRISTO É A NOSA LUZ
CRISTO É A NOSA FESTA.

E, vivindo os días pouco a pouco,
aquí estamos nós, no medio da refrega,
o corpo dóenos ás veces,
ás veces os ánimos fraquean,
gozamos uns días cos veciños e veciñas,
pero outros días convivir tráenos penas.
Traballar é cousa boa, ten proveito,
pero para que tanto traballo, tanta teima?
Que vai ser desta casiña, pensamos,
que vai ser do noso gando, das nosas terras?
E núbrasenos a alma,
e a esperanza entra en quebra.

Pero Cristo entre nós, irmás queridas,
o Cristo da esperanza, da fe esperta,
que soña para nós soños de vida,
que aluma as nosas vidas con luz leda.

CRISTO É A NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA VIDA,
CRISTO É A NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA FESTA.

Anúnciovos, logo, meus amigos,
anúnciovos, amigas, a certeza,
de que Cristo está vivo xa entre nós,
erguéndose da morte que o premera.
E con el ao noso lado en compañía
non hai cousa que nos poida, que nos venza:
se a maldade ás veces nos envolve,
o seu perdón o noso mal supera;
se alguén nos fai o mal, de nós abusa,
Cristo excita en nós voz de protesta,
buscando sempre apertas da irmandade,
que cura e fortalece, que libera.
Brindemos, logo, por Xesús,
coa humilde luz das nosas velas,
brindemos por Xesús resucitado,
brindemos pola vida, pola festa.

CRISTO É A NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA VIDA,
CRISTO É A NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA FESTA.

Mirade estas veliñas, meus amigos,
mirade a lapa que baila e reverbera,
lapiña humilde, lapiña poderosa,
que vence a escuridade, vence as tebras.
Así é Xesús nas nosas vidas,
lapiña amiga, humilde, sempre á espera,
lapiña poderosa que nos colle
e no gozo da vida nos enreda.
Lapiña de irmandade, de fogar,
lapiña de ledicias e de apertas,
regalo que nos dá o Pai da vida,
que por nós de mil maneiras vela.

Brindemos, logo, por Xesús,
coa humilde luz das nosas velas,
brindemos por Xesús resucitado,
brindemos pola vida, pola festa.

CRISTO É A NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA VIDA,
CRISTO É A NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA FESTA.


(Manuel Regal Ledo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.