venres, 18 de marzo de 2016

20 de marzo: Domingo de Ramos (C)


Evanxeos: Lc 19,28-40 e Lc 22,14—23,56

Comentario:

Lemos hoxe dous anacos do evanxeo de Lucas; o primeiro, Lc 19,28-40, abrindo a Procesión de ramos, e o segundo, Lc 22,14—23,56, dentro da Eucaristía, para narrar a Paixón do noso Señor. O feito da entrada triunfal de Xesús en Nazaré, montado nun burriño, é un xesto simbólico, profético, nos que abundaban os profetas de Israel, e dos que Xesús mesmo, respondendo ao nervio profético que o caracterizaba, deu repetidas mostras: o xesto profético de tirar as mesas dos vendedores no adro do templo, o xesto do lavado dos pés aos discípulos, o xesto mesmo de partir o pan e de pasar o viño na cea de despedida, e outros que podemos espigar ao longo da súa actividade de anunciador da Boa Nova de Deus. O xesto simbólico de hoxe consiste nunha entrada triunfal en Xerusalén, ao estilo das entradas dos xerais triunfadores que naquela época se daban, pero montado nun burriño (o burro pasa a ser o símbolo principal), en paz, sen facer alarde de armas e poder, e co pobo humilde aclamando. É un xesto profético do anti-poder, do pacifismo e Xesús, dun liderado que se monta na humildade, no servizo entre o pobo, como ía montado sobre o corpo humilde dun burriño. Así é Xesús, así debería ser a súa Igrexa e as comunidades cristiás que a compoñemos. Así foron algúns dos xestos primeiros do Papa Francisco. En todo isto si que hai salvación de Deus. Oxalá a saibamos vivir e transmitir á nosa sociedade.

O relato da Paixón ten unha densidade especial. Para a súa lectura e meditación, para responder ao proceso de pasalo tamén ás nosas vidas, sería bo non deixar de lado o feito fundamental que está no fondo de calquera relato da Paixón: Xesús foi á morte, non porque estivese obedecendo un designio eterno do Pai, como tantas veces se ten dito, senón coma consecuencia da postura persoal que tomou fronte aos grupos relixiosos e políticos –máis relixiosos ca políticos--, que no nome de Deus ou do Imperio destruían a dignidade das persoas, sobre todo das máis pobres, condenándoas a unha existencia marxinal, impropia dun fillo/a de Deus. Optou polo Reinado de Deus con todas as consecuencias, foi constante e valente na súa posición, e morreu vítima, pero non de Deus, senón de quen apostaba por unha sociedade rota, desigual, no nome dun falso Deus ou no nome dun emperador explotador. A súa morte foi unha morte desde o amor e a solidariedade máis fonda e radical. Loxicamente Deus apoiaba e sostiña a aposta de Xesús, ata a morte e máis aló da morte. Nese sentido quixo a súa morte, como tamén Xesús a quixo. Pero foi unha morte contraria ao proxecto de Deus, que é un proxecto de respecto exquisito pola vida, pola vida para todo, para todos/as.

A meditación da paixón do noso Señor, pódenos abrir os ollos, o corazón e a determinación para admirar a fortaleza de Xesús, a persistencia do seu amor polo débil; pode axudar a asombrarnos e indignarnos ante a forza negativa do poder relixioso ou civil; pode facernos sensibles para doernos das persoas que, no canto de acompañalo e apoialo, contribuíron coa súa covardía ou egoísmo a que as cousas fosen adiante. E, o que é moi importante, a meditación da Paixón de Xesús deberíanos levar a estar ben atentos á paixón e morte da xente débil que se estea dando nos nosos tempos, nas nosas sociedades, para ver que papel nós estamos xogando aí. Porque, si na paixón primeira de Xesús non estabamos presentes, na paixón segunda de Xesús, que é a paixón da xente máis débil, coa que el se identifica, nestas paixóns si que estamos presentes.

Para aproveitarnos da lectura da Paixón, para irnos introducindo na súa fondura e que esa fondura enchoupe as nosas vidas e as faga próximas á experiencia mesma de Xesús, podemos ir con calma, collendo escena por escena, parándonos nos sentimentos de Xesús, nas súas maneiras de actuar, e tamén nos sentimentos e nas maneiras de actuar das outras persoas que van aparecendo na escena. Podemos ir pensando como iso pasa, acontece, no mundo de hoxe; ir vendo situacións actuais nas que se estean reproducindo esas mesmas cousas, e ver como nós nos imos situando ante elas. Son cousas que probablemente non se dean feito ao longo dunha celebración, pero na Semana Santa poderemos atopar tempos para esta meditación calmada e proveitosa. Facéndoo así, igual a Pascua pasa a ser para nós un acontecemento ben vivo e real, salvador.

Cada un, cada unha, poderá pararse especialmente ante determinados momentos da Paixón. Suxerimos uns cantos que nos parecen de especial significación para captar a vivencia de Xesús: 1) o desexo, a ansia de Xesús por entrar en comunidade, ao redor dunha cea de unión e convivencia, para seguir afrontando o que tiña por diante, que intuía duro (Lc 22, 14-18). 2) O xesto eucarístico, interpretado por Lucas coma o xesto de quen anda entre nós coma quen serve (Lc 22, 19,-30). 3) A loita persoal, íntima, solitaria, de Xesús á hora de afrontar o que se lle viña enriba; os seus medos, a súa disposición a persistir na aposta polo servizo a Deus, á xente débil (Lc 22,39-46). 4) A escaseza de palabras de Xesús, ata chegar ao silencio, fronte ao boureo en aumento de quen o aflixía e condenaba (Lc 23,9). 5) A morte como entrega confiada nas mans de Deus, onde descansa o sentido e a verdade de todo (Lc 23,44-49).


Preces:

EU ESTOU ENTRE VÓS COMA QUEN SERVE
  1. Xesús, que acertemos a descubrirte coma gran servidor das nosas vidas e da vida de todo o mundo, e que cho saibamos agradecer sempre. Oremos.
  2. Xesús, que, coma a ti, a paixón por Deus e pola xente máis débil nos poida en todo momento, e nos faga valentes e arriscadas coma ti fuches. Oremos.
  3. Xesús, que sintamos a túa compaña, a túa forza, nos momentos de sufrimento e de cruz, para non derrubarnos e manternos na fidelidade. Oremos.
  4. Xesús, que todas as persoas que están para servir, na Igrexa e nos Gobernos, o fagan con convicción e descubrindo o gozo grande do servizo. Oremos.
  5. Xesús, que o Papa Francisco, medre no seu afán de servizo á xente máis pobre, e nos arrastre a todos/as nese mesmo afán. Oremos.


Pregaria:
(sobre a Paixón de Xesús segundo san Lucas)

Nazim Serham, el refugiado sirio que ha
decidido empezaruna huelga de hambre.
 AFP/Sakis Mitrolidis
Grazas, Xesús,
polas ganas que sempre tes de compartir connosco
a túa palabra, o teu pan, a túa presenza.(Lc 22,15.19)

Grazas, Xesús,
pola nova alianza establecida de sempre entre Deus e nosoutros/as,
da que ti es fiel exemplo e garantía.(Lc 22,20)

Grazas, Xesús,
por estares entre nós coma quen serve,
abríndonos así un revolucionario camiño de convivencia.(Lc 22,27)

Grazas, Xesús,
por comprendernos, tolerarnos, perdoarnos,
como fixeches cos discípulos e discípulas en xeral,
e como o fixeches en particular con Xudas e Pedro.(Lc 22,21.34)

Grazas, Xesús,
pola túa oración amarga, pero confiada, nas horas de estreitura,
coa que nos acompañas nas nosas horas mouras.(Lc 22,42)

Grazas, Xesús,
polos teus constantes bicos de paz,
a pesar das nosas traizóns e covardías.(Lc 22,48)

Grazas, Xesús,
polas túas miradas fondas e misericordiosas
coas que recolles e acendes os nosos seguimentos de lonxe. (Lc 22,61.54)

 © Praza Pública
Grazas, Xesús,
porque por manterte fiel a Deus e ao pobo,
asumiches o conflito, os golpes, as burlas. (Lc 22,63-65)

Grazas, Xesús,
pola humildade valente e revolucionaria
de te confesar Fillo de Deus
e de ver a máis xente como fillos e fillas de Deus tamén. (Lc 22,70)

Grazas, Xesús,
por andares revolucionando o pobo para a súa dignidade,
por encirrares a xente contra o mal e a inxustiza. (Lc 23,2.5)

Grazas, Xesús,
polas túas mans limpas, pola túa inocencia
que te fixo sacramento dos millóns de inocentes axustizados na historia. (Lc 23,13-16)

Grazas, Xesús,
por ti e por toda a xente que axuda a levar cruces
para facer máis liviá a sorte de quen sofre inxustizas. (Lc 23,26)

Grazas, Xesús,
por estares na vida e na morte entre a xente marxinal
coma o lugar preferido polo Deus do que vivías. (Lc 23,32)

Grazas, Xesús,
por soportares o enorme suplicio dunha cruz
na que moitos querían ver o máximo desprezo de Deus. (Lc 23, 35)

Grazas, Xesús,
polas palabras de perdón para quen te crucificaba
axudándonos a entrar nas misteriosas reviravoltas do corazón humano (Lc 23,34).

Grazas, Xesús,
pola túa morte inmerecida, confiada e santa,
cando puxeches nas mans de Deus a túa existencia toda. (Lc 23,46).

Grazas, Xesús,
polo camiño de vida e de luz
que nos abriches coa túa paixón e morte e resurrección.


Signo:
  • Imaxes da entrada en Xerusalén na que se vexa ben claro o burro.
  • Imaxes de Xesús crucificado ou dunha cruz espida.
  • Imaxes de xente que hoxe sofre paixón: desafiuzados, xente da rúa, persoas do Terceiro Mundo...



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.