martes, 8 de marzo de 2016

13 de marzo: Domingo 5º de Coresma (C)


Evanxeo: Xn 8,1-11

Comentario:

Estamos de novo a voltas co perdón. Pero cunha diferenza significativa. O domingo pasado partiamos dun comportamento de Xesús –comer con publicanos e pecadores— cuestionado pola xente da teoloxía e da espiritualidade do seu tempo; botando man dunha parábola preciosa, a parábola do Pai pródigo en acollida e perdón, Xesús explicaba, xustificaba o seu comportamento. Hoxe o evanxelista Xoán sitúanos en vivo ante unha situación dramática, na que está en xogo a vida dunha persoa, unha muller por certo; chama a atención que, debendo ser condenadas á lapidación as dúas persoas que interveñen no adulterio, segundo ordena no libro do Levítico 10,10, aquí se traia unicamente á muller para a súa execución. Un máis dos miles de detalles patriarcais machistas que configuraban a cultura ambiental, da que os autores bíblicos formaban parte.

O evanxeo do domingo pasado falábanos de como o perdón que Xesús ensinaba no nome de Deus se enfrontaba moitas veces co que podería ser o sentido común: non era lóxico facerlle festa a un fillo estragador, por moito que volvera á casa. O evanxeo de hoxe fálanos de como o perdón de Xesús se pode enfrontar incluso á mesma lei, que para os seus contemporáneos era a lei de Deus. Na práctica diaria de Xesús a fondura da súa aposta polo perdón ten máis peso que o mesmo mandato tradicional que se dicía divino. E, no fondo, tanto nun caso coma no outro, quedaba claro que o importante era a persoa concreta que se tiña diante, á que necesariamente se lle debía abrir a vida a unha oportunidade nova no nome de Deus. Non viña a ser senón unha aplicación máis daquel criterio básico en Xesús, criterio que tanto escandalizou e que tantos conflitos lle xerou: a Lei –aínda que sexa a sagrada, ou precisamente por ser a sagrada-- debe estar ao servizo das persoas, e non as persoas ao servizo da Lei.

Este relato parece que andou solto, medio perdido, ata que nun segundo momento se incorpora ao Evanxeo de Xoán. Tivemos moita sorte, porque é un relato dunha viveza, dunha intensidade e dun dramatismo excepcional. Non hai corazón que non se conmova ao introducirse na escena creada por Xesús, que estaba falando, ensinando á xente, polos teólogos e pietistas do momento coa muller adúltera arrastro, pola mesma muller alí avergoñada e amedrentada ao máximo, e polo público expectante, disposto xa a botar man de pedras para cumprir exquisitamente coa lei que mandaba apedrar a “esta xente”, a “estas tales”. É inmenso o mundo de sentimentos que se producen e que se entrecruzan ao longo da escena: odio e indignación no nome da lei por parte de teólogos e pietistas; vergoña e desespero por parte da muller, que se ve nas últimas; malicia e egoísmo en quen pregunta non con ánimo de aprender nin con ánimo de avanzar en solidariedade, senón empregando a situación para impoñerse a Xesús e ás súas prácticas de perdón; sentimentos de afecto e solidariedade en Xesús cara á muller; indignación no mesmo Xesús contra a cegueira dos líderes espirituais do pobo; vergoña da xente acusadora, ao verse pillada na súa propia incoherencia; agradecemento e alivio na muller perdoada e aberta a novas posibilidades; afecto inmenso en Xesús, non por ter escorrentado os corvos que voaban xa sobre da presa, senón porque se creara unha vez máis un espazo de perdón, no que as persoas quedaban incitadas a unha nova maneira de situarse ante si mesmas, ante as demais, ante Deus, ante a construción social.

“Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra”: un deses ditos históricos que se pode converter en criterio de trato e relación, sobre todo cando nos temos que confrontar co mal e co pecado. Un dito histórico que, por dar por suposto que todos temos moito que rascar, aínda radicaliza aqueloutro que tamén coñecemos ben: “Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo do teu irmán” (Mt 6,5). Son ditos, conviccións cristiás básicas, herdadas de Xesús, que nos poden axudar a situarnos ante momentos históricos coma o presente, no que o mal abunda en forma de mentira, de trampas, de abusos, de corrupción, de insolidariedade, de defensa da propia ideoloxía política e relixiosa por riba dos intereses sociais, públicos, etc.

Está ben que nos enfrontemos co mal, para extirpalo do medio de nós, das nosas sociedades e comunidades cristiás, e facer así as nosas vidas máis sas e felices. Está ben que abramos os ollos para detectar cales son as fontes maiores do mal, de xeito que poidamos atallalo oportunamente. Pero hai demasiada tendencia a coller ao outro, a levalo á praza pública, a demandar o estrito cumprimento da lei contra as demais persoas, a lavarse as mans ante todo o que acontece, descargando responsabilidades persoais e sociais, a coller pedras verbais e mesmo físicas contra quen se poña a tiro, sen botar a ollada ao propio corazón, ás propias ideas, á propia vida. E así é moi difícil rectificar, reparar, reconstruír, abrir o presente persoal e social a novos tempos que, polo demais, todos/todas necesitamos e todos/todas estamos desexando.

Como persoas e comunidades cristiás que somos, temos aquí algo fondo e substancial, recibido de Xesús e das primeiras comunidades cristiás, que estaría moi ben que viviramos a fondo e que, ben vivido primeiro, llo ofreceramos aos nosos contemporáneos, coma unha contribución crente, mística, á construción social na que todos/as estamos –ou sería ben que estivésemos-empeñados/as.

Preces:

QUEN DE ENTRE VÓS ESTEA SEN PECADO,
QUE LLE TIRE A PRIMEIRA PEDRA.
  1. Que, á luz de Xesús, saibamos ollar con paz e con esixencia para o propio corazón, para a propias ideas, para o propio estilo de vida, con ansia de mellora e crecemento. Oremos.
  2. Para que saibamos mirar para o mal que aflora nas persoas cunha actitude respectuosa e implicada, dispostos/as sempre a axudar, a abrir portas e esperanzas. Oremos.
  3. Que acollamos de Deus o don da indignación ante todo abuso, desprezo, corrupción e falla de solidariedade, e convertamos a indignación nun compromiso humilde e vigoroso en favor da xustiza. Oremos.
  4. Que nos impliquemos vivamente na vida e mellora das nosas comunidades cristiás e parroquias, para que desde elas poidamos cumprir coa tarefa que Xesús nos encomendou de ser sal e luz no medio dos nosos paisanos e paisanas. Oremos.
  5. Que poidamos dispoñer dun bo Papa, que nos guíe e acompañe con acerto na nosa aposta e vida cristiá nos tempos que nos toca vivir. Oremos.


Pregaria:

Como a muller pillada en adulterio,
de xeonllos no medio da comunidade,
así eu ante ti, Xesús.

Cos meus pecados ao lombo,
coa miña vergoña ao lombo,
así eu ante ti, Xesús.

Recoñecendo os moitos momentos
nos que coa palabra, co silencio ou cos feitos,
me arredo dos camiños que levan á vida,
así eu ante ti, Xesús.

Doído/a do mal que lle causo a outras persoas
coa miña falta de coherencia e valentía,
así eu ante ti, Xesús.

Refuxiándome en ti
de quen, desde dentro ou desde fóra de min,
me quere fundir no meu pecado e na desesperanza,
así eu ante ti, Xesús.

Disposto/a a deixarme sacudir por ti,
para que o zume da vida me renove totalmente,
así eu ante ti, Xesús.

Abríndome confiadamente á túa palabra liberadora,
que me arrinque das miñas escravitudes e dependencias,
así eu ante ti, Xesús.

Deixándome envolver e vigorizar
pola forza e novidade do teu perdón,
así eu ante ti, Xesús.

Comprometéndome a andar contigo
con máis humildade e coherencia,
estou ante ti, Xesús.

Coa miña paz, co meu silencio,
co meu corazón fondamente agradecido,
estou ante ti, Xesús.

Signo:
  • Unha man estendida que axuda a outra man.
  • Alguén que sostén ou fai de apoio a outra persoa.
  • Fronte a isto, un dedo, unha man, un xesto acusador.
  • Unha comunidade en celebración penitencial.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.