27 agosto, 2015

30 de agosto: Domingo 22 do Tempo Ordinario (B)



Evanxeo: Mc 7,1-8. 14-15. 21-23


Comentario:

Neste domingo volvemos ao Evanxeo de Marcos, que deixaramos hai cinco domingos para ler neles o capítulo 6 de Xoán, no que este evanxelista nos ofreceu a súa catequese sobre Xesús como pan de vida. O Evanxeo de Marcos que hoxe lemos preséntanos un dos moitos enfrontamentos que Xesús mantivo cos representantes oficiais da relixión no seu tempo: fariseos e letrados, algo así como a xente máis devota e os teólogos do seu tempo. Este enfrontamento concreto versaba sobre os rituais de purificación, cousa quizabes para nós de pouca importancia, pero que nos tempos de Xesús, na vivencia relixiosa do seu pobo, era algo realmente transcendental, porque eran eses rituais os que abrían ou pechaban as portas de acceso ao posible trato con Deus.

19 agosto, 2015

23 de agosto: Domingo 21 do Tempo Ordinario (B).



Evanxeo: Xn 6, 60-69


Comentario:

Co evanxeo de hoxe pechamos esa catequese especial sobre Xesús como pan de vida, que o evanxelista Xoán nos ofreceu a partir do acontecemento-signo da multiplicación dos pans e dos peixes, e que durante varios domingos de verán estivemos lendo, meditando e levando á práctica. Sabemos que o evanxelista Xoán non narra no seu evanxeo a entrega do corpo e do sangue de Xesús no pan e no viño durante a súa cea de despedida, ou cea pascual, pero no seu canto ofrécenos a fonda e proveitosa catequese de que vimos falando.

10 agosto, 2015

16 de agosto: Domingo 20 do Tempo Ordinario (B).



Evanxeo: Xn 6, 51-58


Comentario:

Seguimos colectivamente coa crise ao lombo, e, moi probablemente tamén, seguimos cada un, cada unha, coas nosas batallas persoais, familiares, comunitarias, de sindicato, de partido, de asociación veciñal, etc. E o evanxelista Xoán segue intentando iluminar a nosa realidade de cada día con esta súa catequese sobre Xesús e o seu posto na nosa existencia, a partir daquel feito-signo da multiplicación dos pans e dos peixes.

15 de agosto: Festividade da Asunción da Virxe María



Evanxeo: Lc 1, 39-56


Comentario:

No século V xa se conmemoraba na Igrexa oriental a Dormitio (“dormición”, de durmir) da Virxe María. Parecíalles innobre para María que pasase pola morte pola que pasamos todos os mortais, e consideraban que o dela non fora unha morte senón un simple quedar durmida; como se di no medio rural en casos de morte moi tranquila, “quedouse coma un paxariño”. A Virxe quedárase tamén coma un paxariño. No século VII esa conmemoración pasa á Igrexa de Roma, a occidental, e ao pouco xa aparece co nome de “Asunción”: a Virxe fora asumida, collida, elevada á morada de Deus, o ceo. A cousa foi quedando así, ata que no ano 1950 o Papa Pío XII proclama o dogma da Asunción da Virxe María en corpo e alma ata o ceo. Un dogma moi marcado por unha visión bastante mítica de Deus e das realidades da fe. Actualmente, cunha comprensión máis atinada da resurrección de Xesús e da nosa, podemos falar de que María, despois de morrer a este mundo, pasou a participar con Xesús e con todos os resucitados/as, da paz, da bendición eterna de Deus, nunha medida total e completa, como lle corresponde a unha muller sinxela, unha pobre de Deus, que se fiou del completamente, que xerou e criou como mai amante o seu fillo Xesús de Nazaré, fillo de Deus, e que entre luces e sombras, entre gozos e dores, se incorporou ao camiño cristián aberto polo seu propio fillo.

05 agosto, 2015

9 de agosto: Domingo 19 do Tempo Ordinario (B).



Evanxeo: Xn 6, 41-51


Comentario:

Estamos nun momento convulso, a nivel social e, para moita xente, tamén a nivel persoal. Guiados polo evanxelista Xoán, estamos dándolles voltas á súa catequese sobre Xesús como pan de vida, que ten capacidade de soster o mundo. Pero a realidade é que hai moita xente, millóns de persoas, que están razoablemente preocupados polo pan de cada día, polo alimento cotián, polo fogar cotián, polo traballo cotián, pola súa integración cotián nunha sociedade que lles permita vivir con dignidade. A nivel persoal e a nivel comunitario non debemos evitar facernos a pregunta: como podemos combinar estas dúas realidades? E darlle unha resposta que atenda ás necesidades da xente e que estea atenta tamén ao ofrecemento de Xesús.