15 decembro, 2015

20 de decembro: Domingo 4º de Advento (C)



Evanxeo: Lc 1, 39.45

Comentario:

Os relatos da infancia de Xesús escritos por Lucas, máis que datos históricos, pretenden ofrecernos cadros simbólicos, cos que describir as formas da presenza de Deus no medio de nós –presenza sinxela e misteriosa a un tempo--, e as mellores maneiras de captar esa presenza e de gozar con ela, pois trátase dunha presenza de vida e de liberdade para todos nós, para o conxunto da nosa sociedade. Son relatos sinxelos, moi vivos, construídos ao redor de figuras crentes moi expresivas, que se desenvolven con maneiras das que moito podemos aprender. Neste contexto, a figura de María colle importancia nas celebracións cristiás do Advento na medida en que se van achegando os días do Nadal.

María visita á súa prima Sabela. Podemos reparar na importancia do vivido nesa acción relativamente simple, que todos tantas veces facemos, ou podemos facer. Cousas sinxelas, pero que posibilitan que o misterio de Deus, a bondade de Deus sexa coñecida e gozada.

Visitar: saír da casa, do propio, ir á casa allea, ao mundo alleo; andar camiños, asumir dificultades, superar comodidades; visitar a calquera, a aqueles/as de quen sabemos que son portadores/as de moitas bondades, ou a aqueles/as que nestes tempos de crise están envoltas en aflicción, esperando apoios e alentos. Quizabes especialmente a estes.

Encontrarse: situarse corporalmente, espiritualmente diante do outro/a; os encontros sempre teñen algo de reto, de incomodidade segundo os casos. Porque, se visitamos, o encontro leva consigo compartir: falar das cousas fondas, gratas ou non gratas que cada un leva na súa mente, no seu corazón. Falar de ideas, de feitos, de sentimentos. Falar do que un soña, e mesmo dos soños que Deus vai depositando, como semente de vida, nas nosas entrañas, no noso corazón. Os encontros resultan imprescindibles para o noso benestar, para o noso crecemento, para a nosa liberación.

Visitar, encontrarse, compartir, facéndoo con humildade, co desexo de descubrir o don de Deus encerrado no ventre, na vida da outra persoa; a presenza de Deus que nela se me ofrece, se me regala. Cantas veces se nos escapan verdadeiras marabillas de Deus agachadas nas vidas humildes de persoas humildes! É unha bendición, que un pode desexar, buscar con todo o corazón, iso de saber descubrir as sementes de Deus nas mil pequenas cousas que compoñen o noso día a día. Sen dúbida as persoas que están sufrindo as consecuencias moitas veces dramáticas da crise pódennos abrir os ollos para comprender moitas cousas sobre a vida, sobre as relacións sociais, sobre a nosa maneira de vincularnos aos bens materiais, sobre a nosa liberdade ante eles, sobre ata que punto o amor, a solidariedade ten peso e consistencia nas nosas vidas, sobre as nosas opcións políticas.

Visitar, encontrarse, compartir, descubrir, aprender, darlle nome ás cousas, dicilas, publicalas, para que o que é don de Deus saia e colla a canta máis xente mellor. E que a forza de salvación vivida nos seos humildes das persoas humildes se espalle alentando soños, axudando a superar perezas, creando redes de afecto, de agradecemento, de animación, de esperanza, agora que as esperanzas tanto fraquean e todos estamos tentados de cruzarnos de brazos e abandonar, ou refuxiarnos quizabes no feito de que, polo que sexa, eu podo estar librando da crise coas súas inxustas perturbacións.

E bendicir a Deus con alegría pola súa presenza viva entre nós, desenvolvendo unha espiritualidade sinxela na vida, desde a vida, que nos vigorice no noso estar presente na vida das persoas, na sociedade, e no de aceptar as demais persoas como presenza de Deus na nosa vida.

María é un modelo de toda esta labor humana, espiritual. María, a crente, a que se fia de Deus, a que cre que Deus é capaz de encher de vida os ventres humildes, mesmo os ventres estériles; a que nos invita a encher do necesario as casas que o precisan; María, a entregada , a disposta a esperar contra toda esperanza, a soñar, porque aprendeu a pousar a súa esperanza nas mans sólidas de Deus, das promesas de Deus. María, a alentadora de soños, soños persoais e soños sociais. María, a mestra, a que nos leva da man nun recorrido humano e espiritual desde a esterilidade á plenitude, desde a tristeza á ledicia, desde o uso exclusivista e competitivo dos bens materiais ao seu uso compartido, fraterno, desde a escravitude á liberdade. María, a revolucionaria. María, a toda de Deus. María, a toda do pobo, a toda nosa.

Preces:

¡BENDITA TI ENTRE AS MULLERES, MARÍA,
E BENDITO O FROITO DO TEU VENTE!
  • Que saibamos pensar nos demais, preocuparnos por eles/elas, visitalos/as, con disposición de compartir, de dar e recibir, para que a vida medre en todos. Oremos.
  • Que aprendamos de ti, María, a fiarnos de Deus sempre, dunha forma total, cando nos invite a participar con el nos seus soños de máis liberdade e fraternidade entre todos as persoas. Oremos.
  • Que saiamos das nosas casas cara ás casas e barrios das persoas que peor o están pasando nestes momentos, para que poidamos oír ben a palabra forte de Deus que nos chama á solidariedade. Oremos.
  • Para que saibamos celebrar con María a preferencia de Deus pola xente máis humilde, e, hoxe que é día de eleccións, convertamos esas preferencias nun voto que mellore a condición de vida da xente máis necesitada. Oremos.
  • Que en María honremos a todas as mulleres, que militemos contra calquera tipo de violencia contra as mulleres, sempre. Oremos.

Pregaria:

LADAÍÑAS A MARÍA
María nazarena        MARÍA NOSA
María muller            MARÍA NOSA
María aldeá

María labrega
María do pobo
María traballadora

María nena e moza
María casadeira
María amante e amada

María festeira
María casada
María embarazada

María calada
María escoitadora
María aberta

María meditadora
María bendicida
María crente

María entregada
María esperanzada
María libre

María pobre
María humilde
María visitadora

María camiñante
María faladora
María compartidora

María cantora
María soñadora
María subversiva

María solidaria
María parturiente
María mai

María aleitadora
María educadora
María coidadora

María transmisora da fe
María mestra
María dubitativa

María desbordada
María discípula
María compañeira

María asemblearia
María colaboradora
María oculta

María cativadora
María silenciosa
María velliña

María santa
María morta
María resucitada

María da comunidade
María da xente pobre
María do Terceiro Mundo

María de Deus
María de Xesús
María do Espírito

María do Nadal

María nosa

Signo:
  • Imaxes de persoas que se visitan, encontran, saúdan.
  • Imaxes de María, canto máis normais e populares mellor.
  • Imaxes de persoas que padecen a crise, entre nós e no Terceiro Mundo, porque nada relixioso pode ser alleo a esas realidades.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.