23 setembro, 2015

27 de setembro: Domingo 26 do Tempo Ordinario (B)



Evanxeo: Mc 9, 38-43.45.47-48


Comentario:

Aos discípulos de Xesús preocupáballes máis salvagardar a imaxe do propio grupo ca o beneficio da xente. Xesús non está de acordo. O importante, precisamente, é que a xente sexa beneficiada polo servizo dos demais, sexa cal sexa o grupo, a ideoloxía, as referencias coas que se vincule. O problema existía daquela, polo que se ve, e tamén existe hoxe. Na sociedade, pertencemos uns e outros a diferentes partidos políticos, a diferentes liñas ideolóxicas; na Igrexa pertencemos tamén a diferentes “correntes”, a diferentes maneiras de entender a fe e de intentar levala á práctica. E moitas veces funcionamos e movémonos desde estas instancias particulares, intentando salvalas por riba de todo, non recoñecendo o ben que pode saír doutras maneiras de pensar e de actuar. Xesús recórdanos a todos e todas que o criterio último para medir as cousas, para medir a calidade da nosa militancia é ver se a xente débil é ou non convenientemente atendida; atendida con respecto, dándolle prioridade; atendida por si mesma, sen manipulala, sen empregala, de ningunha maneira, para o noso crecemento persoal, ou para o crecemento do noso grupo.

16 setembro, 2015

20 de setembro: Domingo 25 do Tempo Ordinario (B)



Evanxeo: Marcos 9, 30-37


Comentario:

Gusta ver a Xesús parándose cos seus seguidores e seguidoras, dedicándolles tempos, informando, formando. Nós tamén estamos dentro dese mesmo grupo; tamén nós, na celebración eucarística ou fóra dela, individual ou comunitariamente, somos obxecto dos coidados de Xesús. Nin que dicir ten o importante que será para nós como cristiáns/cristiás dedicar tempo a este estar con Xesús para aprender, para asimilar a súa maneira de ver as cousas, o seu estilo de vivir, e practicalo logo nos tempos que nos toca vivir.

08 setembro, 2015

13 de setembro: Domingo 24 do Tempo Ordinario (B)



Evanxeo: Mc 8, 27-35

Comentario:

É ben interesante ver o labor formativo de Xesús coas persoas que o seguían e acompañaban. Nós, con dous mil anos polo medio, na fe, no Espírito, de moitos modos e maneiras, podemos revivir con Xesús esta mesma experiencia de ser por el formados/as na comprensión da súa persoa, da súa tarefa, da súa causa, para máis lucidamente vincularnos a ela, se así nos prace. O lóxico sería que, coma bos seguidores e seguidoras de Xesús, individualmente e coma comunidade cristiá, estivésemos desexando que así fose e puxésemos da nosa parte todos os medios para facelo posible.

01 setembro, 2015

6 de setembro: Domingo 23 do Tempo Ordinario (B)



Evanxeo: Mc 7, 31-37


Comentario:

Estamos ante un relato de curación, que só Marcos narra. De entrada recórdanos cousas básicas sobre Xesús, que xa noutras ocasións se nos teñen ofrecido para a nosa editación e proveito: a afección de Xesús por andar próximo da xente que se vía envolta en debilidade, en enfermidade, e, en consecuencia, en marxinación social e relixiosa. Esta afección de Xesús é, sen dúbida, unha garantía para nós mesmos, na medida en que participamos da condición de xente abundante tamén en carencias e debilidades de todo tipo. Somos obxecto da proximidade de Xesús. Xesús está a fondo por todos/as e cada un, cada unha de nós. Isto é un consolo grande.