28 maio, 2015

31 de maio: Domingo da Santísima Trindade



Evanxeo: Mt 28, 16-20


Comentario:

Despois de pechar o tempo pascual coa festa de Pentecoste, poñémoslle coma un broche de ouro coa festa da Trindade. É unha maneira sinxela de dicir que todo canto de fondo e marabilloso estivemos vivindo, seguindo os pasos da vida, da paixón, da morte e da resurrección de Xesús de Nazaré, ten sentido nese marco simple e inabarcable, próximo e misterioso, que é o marco da Trindade: o Pai, o Fillo, o Espírito Santo.

26 maio, 2015

Quinto encontro do curso 2014-2015



Símbolo: 
Ramiño de caraveles bermellos, dedicados a Oscar Arnulfo Romero, mártir, beatificado hoxe.

HONOR E GLORIA AOS HOMES E MULLERES MÁRTIRES

  • Honor e gloria ás persoas que morren por coherencia, por honestidade, por apaixonamento.
  • Honor e gloria a quen hoxe morre simplemente por ser persoas cristiás.
  • Honor e gloria ás persoas afogadas no Mediterráneo, mártires da inxustiza humana.
  • Honor e gloria ás persoas máis pobres que soportan o peso inhumano do capital.
  • Honor e gloria a quen se repón e denuncia, arriscando o seu honor, a súa vida.
  • Honor e gloria a Xesús de Nazaré, fonte e vigor de todo martirio.

20 maio, 2015

24 de maio: Domingo de Pentecoste.



Evanxeo: Xn 20,19-23


Comentario:

Este Evanxeo reproduce a primeira parte do Evanxeo do 2º domingo de Pascua. Sitúanos, polo tanto, unha vez máis, ante os catro elementos que constituíron o núcleo da sólida experiencia pascual das primeiras comunidades: 1) certeza firme dunha presenza de Xesús resucitado no medio da comunidade, madurada esa certeza a partir de experiencias persoais e grupais, froito da propia busca e disposición coroada polo regalo precioso de Deus; 2) experiencia fonda, fondísima, de paz e de alegría, fronte a calquera tipo de presión, de ameaza, interna ou externa; 3) conciencia de ter recibido unha misión, unha tarefa: a de estender a obra de Xesús, o seu Evanxeo, a súa aposta concreta polo Reinado de Deus, asumindo o estilo de vida de Xesús; 4) saberse envoltos no Espírito de Xesús, recibido gratuitamente, unha extensión viva de Xesús sobre as súas vidas, sobre o seu actuar, sobre as súas capacidades de reconciliar a fondo as persoas, de reintegralas na comunidade humana, na comunidade de Deus.

12 maio, 2015

Festividade da Ascensión do Señor



Evanxeo: Mc 16, 15-20


Comentario:

Celebrabamos a Ascensión do Señor 40 días despois da Pascua, pero non debemos comprender estas datas como se houbese un tempo intermedio no que Xesús andase por aí dando voltas, medio de incógnito, para despedirse logo dos homes e mulleres que o acompañaran durante a súa vida e morte nesta terra, e marcharse para onda o Pai, a un lugar superior, que chamamos ceo. A nosa realidade humana, necesariamente marcada polo espazo e polo tempo, lévanos a entender desta forma as cousas de Xesús despois de morto e resucitado, pero aí non está nin moito menos o forte do que o evanxelista nos quere transmitir.

07 maio, 2015

10 de maio: Domingo 6 de Pascua (B)



Evanxeo: Xn 15,9-17

Comentario:

Botando man do “testamento” de Xesús despois da última cea, a cea santa de despedida, o evanxelista Xoán axúdanos a introducirnos no que pode ser unha vivencia relixiosa cristiá densa e sólida, na que Xesús loxicamente xoga un papel de primeirísimo orde; el é sempre a referencia polo que nos ofrece, polo mundo xenial no que nos introduce, polas capacidades que consegue crear en nós, pola tarefa que pon nas nosas mans. O evanxeo, Xesús mesmo –que é o miolo do evanxeo— é para unha persoa cristiá o espello no que se mirar cada día, para ver se un pensa, vive, ama, loita en balde ou non. Oxalá nas nosas comunidades cristiás nos afixésemos a mirarnos neste espello do Evanxeo! Sería algo ben proveitoso nestes tempos nos que a calquera cousa se lle quere chamar vida cristiá, nova evanxelización, experiencia relixiosa, seguimento de Xesús, etc.