10 decembro, 2014

14 de decembro: Domingo 3 de Advento, ciclo B



Evanxeo: Xn 1,6-8. 19-28

Comentario:

Xoán Bautista foi un personaxe moi significativo na traxectoria persoal de Xesús, da súa vida, da súa misión, moito máis seguramente do que transmiten os textos evanxélicos que leemos. A admiración era mutua. Os evanxeos ofrecen unha imaxe de Xoán Bautista integrada xa na perspectiva cristiá, onde Xesús é o centro, o importante, e Xoán ocupa un papel de servizo para a comprensión de Xesús e da súa misión.

Formamos parte dunha sociedade en crise; todos coñecemos datos ben concretos que nola debuxan cun dramatismo angustioso. E o noso non é nada comparado co que pasa noutros países do mundo. Nunca nada do noso lle é indiferente a Deus. No Advento deste ano estamos acollendo a oferta dun Deus que coa súa presenza quere contribuír a levantar o noso ánimo, a poñer luz nas nosas escuridades, a devolvernos a alegría que se nos encolle no corazón. Sen escapes, cos pés ben chantados na terra.

Xoán foi testemuña da luz, para que a xente descubrise a novidade de Xesús. A nosa misión coma cristiás/ans nos días de hoxe, persoal e comunitariamente, é ser tamén testemuñas da luz, testemuñas da forza curadora, liberadora de Xesús. Con absoluta humildade. Con absoluto vigor. Xesús tampouco é indiferente ante calquera situación creada nos tempos que vivimos. En nós, a través de nós, máis alá de nós, a forza humanizadora de Xesús pode desenvolver todo o seu poderío.

Podémonos preguntar pola fondura e calidade da nosa experiencia de Xesús, pois mal podemos testemuñar o que non vivimos. Podémonos preguntar pola fondura e calidade do noso testemuño. Véndonos vivir, coas opcións concretas que a vida demanda ante todo, ante todos e todas, ante o máis cotián, adiviñarán os nosos veciños e veciñas que somos xente tocada, atraída, dinamizada, alegrada pola persoa de Xesús de Nazaré?

Xoán Bautista está presentado coma un humilde admirador de Xesús, en quen el intuía unhas posibilidades desbordantes, un pozo sen fondo de vida, de esperanza. Mantemos nós esta fe admirada, expectante ante Xesús, ante todo o de Xesús? Quéimanos Xesús dentro, abrímonos diariamente á súa novidade, ofrecémolo á demais xente como o que é: unha grande esperanza para un pobo derreado e esmorecido?


Preces:

QUE A TÚA LUZ, SEÑOR, ILUMINE AS NOSAS VIDAS
  • Que gocemos agradecidos/as, coa túa presenza firme no centro das nosas vidas débiles. Oremos.
  • Que nos deixemos levar polo teu Espírito en cada palabra que falemos, en cada acción que levemos a cabo diariamente. Oremos.
  • Que as comunidades cristiás das que formamos parte, coa súa vida sobre todo, transmitan o teu vigor, a túa esperanza. Oremos.
  • Que colaboremos coa xente encarcerada, parada, deprimida, enferma, e saibamos crear redes de vida e liberdade no teu nome. Oremos.
  • Que os pobos pequenos do mundo deixen de ser abusados e explotados, que non nos deixemos engaiolar polos poderosos que queren impoñer as súas leis e comenencias. Oremos.
  • Que os nosos gobernos se sitúen do lado de quen menos ten, de quen menos pode, de quen menos espera. Oremos.


Pregaria:

Quen son eu, Xesús,
quen son eu
--podíanme preguntar tamén os meus veciños e veciñas,
ou os mandos da Igrexa, coma a Xoán?

Envoltos como andamos nunha situación cega,
na que á xente máis débil lle toca apandar
--coma sempre--,
quen son eu,
que digo eu,
que fago eu,
que represento eu,
cara a onde apunto eu
e comigo a comunidade cristiá da que formo parte?

Canto desexo sentirme atraído por ti,
coma Xoán!
Se a túa luz iluminase a fondo a viña vida,
para descubrirme no pouco e moito que son:
anaquiño de Deus presente nesta hora!
Se o teu vigor prendese no meu ánimo minguado,
e o levase ata as ribeiras da ousadía,
cada día, a cada hora,
en servizo do pobo ao que me debo!

Encantado por ti, coma Xoán,
desbordado por ti, coma Xoán,
desconcertado por ti, coma Xoán,
humilde seguidor teu,
que non sabe senón desatar amorosamente o amalló das túas sandalias,
para que as túas pisadas de paz e liberdade
sinalen limpamente na terra fría
o camiño a andar,
a carón dos meus veciños e veciñas,
a carón da xente máis ferida.

Ai, Xesús,
por que te quererei tanto!


Signo:

  • Unhas sandalias ou zapatos cos cordóns ou amallós soltos, situados no espazo onde fago ou facemos oración, que nos recorden cada día o noso vínculo con Xesús, a nosa tarefa cristiá.
  • Unha luz, unha vela singular, que nos acompañe nesta semana coma símbolo da identidade de Deus, de Xesús, e das nosas persoas beneficiadas por ela.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.