18 abril, 2014

Pregón Pascual


Pregón Pascual 
(Romariz, 2014)


Amigas e amigos,
veciñas e veciños,
irmás, irmáns nos traballos e nas alegrías da vida,
alegrémonos nesta noite.
Que brille de alegría o noso corazón
como brilla a veliña que tendes nas mans.
Que xuntemos a alegría para que medre en nós,
como xuntamos a luz destas veliñas
ata converter en claridade a escuridade desta noite.
Manifestemos a nosa alegría cantando xuntos:
TEMOS AUGA E LUME / TEMOS ALEGRÍA,
TEMOS PAN E FORZA / NA NOITE DA VIDA.

Veciñas e veciños,
alegrémonos por Xesús de Nazaré,
o noso mestre e señor.
Celebremos a súa Pascua,
o seu triunfo sobre o mal e sobre a morte.
Sabemos moi ben qué amigo era
da xente común do pobo.
Como a amaba e servía,
como a acompañaba,
como a liberaba do mal e dos abusos.,
como a axudaba a andar
polos camiños novos da inocencia, da paz, da loita e da esperanza.
Quixeron quitalo do medio,
pero non puideron.
Pois, como Deus había tolerar tal cousa?
Como nos había privar da súa presenza alentadora?
Está aquí, vivo, alegre,
asomándose no resplandor destas veliñas,
empuxando os nosos cantos,
os nosos rezos, bailes e alegrías.
Por iso, veciñas e veciñas, irmáns e irmás queridas,
cantemos xuntos por Xesús resucitado:

TEMOS AUGA....

É a Pascua de Xesús,
o triunfo nel da vida sobre a morte.
Pero é tamén, irmáns, irmás, a nosa Pascua.
Co de Xesús celebramos tamén os nosos triunfos
que el alenta e acompaña:
Cada vez que sementamos e recollemos froito, xa é Pascua.
Cada vez que vemos nacer un fillo ou filla e o coidamos, é a Pascua.
(e este ano, por bendición de Deus e decisión amorosa dos seus pais e nais, vimos nacer un bo grupiño de nenos e nenas: o Alex de Labrada (Maraía Jesús), o Adrián de Romariz, neto do Daniel, o Adrián de Fanoi (Soraya e Elías), a Valentina de Labrada, o Martín de Candia, a Ainara de Fanoi (Karina), o Eric de Fanoi (Manuel Cativo), a Marta de Quende, o Adrián de Fanoi (Xosefa), a Sara de Abadín (María Jesús) .
Cada vez que ante o mal posible, preferimos a honradez e a inocencia, é a Pascua.
Cada vez que buscamos vida e saúde para os nosos corpos, é a Pascua.
Cada vez que nos xuntamos para os traballos, para as festas, é a Pascua.
Cada vez que amparamos as persoas tristes e aflixidas, é a Pascua.
Cada vez que protestamos contra os abusos e defendemos o pan e o traballo, é a Pascua.
Cada vez que nos deixamos levar polo amor, pola tenrura, pola solidariedade, é a Pascua.
Cada vez que lle damos a man a quen da nosa man precisa, é a Pascua.

Por todo isto,
por tanta luz e gozo presentes nas nosas vidas humildes, cantamos xuntos:

TEMOS AUGA ...

Amigas e amigos,
xa nolo di o refrán dos nosos maiores:
"Deus ten para dar
moito máis do que deixa dado".
Deus ten para cada un de nós, para cada unha de nós,
moito máis do que nos deixa dado.
(Para ti, N...., para ti, N...., para ti, N..., {vanse dicindo nomes de xente presente, dirixíndose a esas persoas dunha maneira directa, con afecto}):
máis forza, máis esperanza,
máis luz, máis entusiasmo,
máis vida, máis liberdade,
máis corazón, máis inocencia,
máis brío, máis serenidade...
A Pascua, veciños e veciñas,
non é un punto final,
é o comezo dunha longa camiñada cara á vida e a liberdade,
para a que Xesús resucitado nos presta sempre a súa compaña.
Hai moito que limpar: Xesús está aí.
Hai moito que avanzar: Xesús está aí.
Hai moito que varrer: Xesús está aí.
Hai moito que cambiar: Xesús está aí.
Hai moito que festexar: Xesús está aí,
apostando connosco por un mundo novo.
E por iso cantamos:

TEMOS AUGA E LUME ...

E, xa para acabar, preguntémonos e respondamos:
con quen, amigas e amigos, queremos compartir xa o gozo da Pascua?
Co Xesús do Redondo, a quen tanto lle gustaba cantar a Deus na Igrexa?
Coa Luz, que temos enferma e que con tanto alegría celebraba hai pouco o Nadal connosco?
Co Corsino, que desde hai pouco tempo a está celebrando no ceo?
Co Plácido do Cego, o noso gaiteiro maior, que tantas veces nos alegrou a Pascua?
Cos neniños e neniñas e antes citamos: Alex, Adrián, Adrián,
Con quen máis queredes celebrar a Pascua?
(invítase a que a xente vaia propoñendo nomes, persoas ou grupos...).
Coa xente nova que non ten traballo e suspira por el?
Coas familias obrigadas a abandonar os seus fogares pola avaricia dos bancos?
Cos homes e mulleres de raza negra que están soñando con entrar en España, sexa como sexa?
Cos millóns de cristiás e cristiáns que nesta noite celebran a Pascua no mundo enteiro?

Con todos e todas elas, cantemos logo
a Xesús resucitado,
ao Deus da vida que tanto nos quere
e tanto por nós está disposto a facer:

TEMOS AUGA E LUME
TEMOS ALEGRÍA
TEMOS PAN E FORZA
NA NOITE DA VIDA.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.