24 abril, 2014

27 de abril de 2014: Domingo 2º de Pascua (A)


Evanxeo: Xn 20, 19-31

Comentario:

Xa se oen as primeiras liortas electorais, xa empezamos a volver oír palabras e palabras, promesas e promesas, que --xa o sabemos-- practicamente van quedar todas en nada. Palabras e promesas para gañar o noso voto e despois, que? Temos que recoñecer que na Igrexa tamén temos moita palabra de máis; énchesenos a boca con grandes ditos, con grandes promesas, que falan de liberdade, de paz, de fraternidade, de vida nova, de resurrección, de vida eterna... E que queda de tanta palabra? A Pascua, polo que ela é e polo que nela se celebra, tamén se presta para ter que dicir e ter que escoitar moitas palabras maiores, que igual esvaran polo noso corpo e polo noso espírito, sen pasar a nosa pel, sen superar as nosas emocións máis primarias. E despois, que? Sería unha pena que persoas e comunidades cristiás vivísemos as cousas así tan superficialmente.

Quizabes porque as cousas poden ser así e para facer que así non sexan, na vida e nas celebracións das comunidades cristiás reservámonos 50 días para ir escoitando, acollendo, remoendo, asimilando, vivindo, aproveitando a graza da Pascua, que non é outra cousa, nin máis min menos, que a conciencia viva, sentida, de que Xesús está vivo no medio de nós, cunha presenza non física, pero si espiritual, reavivando en nós o seu mesmo estilo de vida co que a través do conflito e da morte, abriu camiños novos para as persoas e para o conxunto da sociedade. Así que a Pascua é unha realidade cumprida en Xesús de Nazaré, pero é aínda un proceso en marcha en todos e cada un, cada unha de nós. A Pascua é o remate dun recorrido vital, no que as persoas crentes cristiás estamos comprometidos, e para o que contamos coa guía e co alento de quen vai diante de nós abrindo camiños e garantindo triunfos. A Pascua é para vivila e celebrala, celebrala e vivila, permanentemente. Así, ata o momento da Pascua eterna, á que tamén estamos chamados/as.

E cales son as etapas dese recorrido pascual? É algo ben simple, ben cotián, ben ao alcance da nosa man, se nos empeñamos niso coa forza do Espírito de Xesús. Cando aposto pola verdade, ao me ver tentado de mentir, vivo a Pascua, o paso da morte á vida. Cando acudo a unha manifestación porque entendo que nela defendemos o pan, a vida, os dereitos da xente máis débil, vivo a Pascua. Cando respondo con serenidade e mesmo con tenrura a quen me está quentando o xenio, vivo a Pascua. Cando coido e defendo a natureza dos abusos que desde persoas ou institucións se están cometendo contra ela, vivo a Pascua. Cando voto en conciencia a tal grupo político, porque creo que con el axudo máis a democratizar o país, a facelo máis igualitario, vivo a Pascua. Cando leo e estudo con interese para formarme, para capacitarme para o traballo e para a participación cidadá, vivo a Pascua. Cando río e canto, e incito á alegría, vivo a Pascua. Cando recoñezo os meus erros, pido perdón e perdoo a quen polos seus a min mo pide, vivo a Pascua. Cando, farto/a das miñas incoherencias e das da demais xente, creo e confío en Deus, coma un Pai que nos quere e nos defende sempre, vivo a Pascua, o paso da morte á vida. E así mil cousas máis de cada día, coas que podemos ir medrando no espírito da Pascua, no espírito de Cristo vivo no medio de nós.

O evanxeo de cada domingo quérenos axudar nesta tarefa, poñéndonos en contacto co Xesús vivo, a través da súa palabra, a través da memoria dos seus feitos de vida. Que fermoso é neste sentido o evanxeo de hoxe! Cóntanos o que Xesús foi sendo para aquelas primeiras discípulas e discípulos de Xesús. Cóntanos polo mesmo o que quere ir sendo con todos e todas nós. Os primeiros discípulos e discípulas forman unha comunidade medrosa. Coma nós, que tamén andamos encollidos de espírito, case avergonzados de sermos cristiás e cristiás e de coma tales nos manifestar no medio da nosa sociedade. Xesús dálles, antes de nada, paz e serenidade, orgullo do bo e valentía. Ponlles unha encomenda nas mans: o Pai me mandou a min, eu tamén vos mando a vós. Nada de estar pechados, agachadas, con medo: saír, ir á vida, ás rúas, aos lugares de traballo, aos tempos de ocio e lecer, e, cos feitos máis que coas palabras, pero tamén coas palabras, ir transmitindo sinxelamente a vida, a riqueza da nosa fe feita vida. Ponnos nas mans unha tarefa, pero tamén nos dá forzas para levala a cabo: verte sobre nós o seu Espírito, que fora o motor da súa vida tan humilde e tan valente, un Espírito que el á súa vez recibira, acollera do Pai, con quen tanto intimaba. E dálles así poder para ser xente de xustiza, de protesta, de perdón, de servizo, de reconciliación. Non é de todo isto do que o Papa Francisco nos está falando tamén unha e mil veces? Pasaron dous mil anos desde o acontecemento narrado polo evanxeo, pero que próximo está de todos nosoutros/as!

Hai quen cre nisto e quen non. Hai a persoa disposta, crente, non inxenua, que se apunta deseguida a todo o que sexa potenciar a vida, a comunidade, a organización, a defensa do débil, ... e goza con iso e transmite ese seu gozo a cantas persoas a rodean; e hai quen recea e recea, aquel para quen todo son pegas, dificultades, desconfianzas, medos, incapaz de dar o salto, de crer, de esperar, ... e derrótase antes tempo nas súa propia amargura. Pero tamén para eses, como lle pasou ao Tomé do evanxeo, tamén para esas persoas pode chegar a hora da súa Pascua particular, a que os pase da desconfianza á entrega, do medo á ousadía, da receo á alegría de vivir e axudar a vivir. Esteamos onde esteamos, deixemos que Xesús nos atope e nos empuxe cara á Pascua. Iranos ben.

Na celebración de hoxe, a través da palabra, do sacramento, da comunidade, se nos deixamos levar polo Espírito de Xesús, podemos revivir todo o que aquelas primeiras discípulas e discípulos viviron hai pouco menos de dous mil anos. Oxalá!


Preces:

MEU SEÑOR E MEU DEUS!

  • Que te saibamos descubrir vivo, alentando as nosas vidas, nas persoas animadas que tiran por nós cara ao gozo e á esperanza. Oremos.
  • Que nos deixemos levar polo teu Espírito de Pascua, para levar ánimos e alentos nas cousas, coas persoas e grupos nos que participamos. Oremos.
  • Que nos saibamos continuadores/as da túa tarefa no mundo, alegres por poder levar algo de verdade, xustiza, paz, reconciliación, ao entorno no que vivimos. Oremos.
  • Que a túa presenza, sentida e vivida, nos faga xente de fe, de amor e de esperanza, constantes e fieis, a proba de conflitos, a proba de abandonos. Oremos.
  • Que saibamos compartir con quen nos rodea as fontes da nosa fe, da nosa esperanza. Oremos.


Pregaria:

Non te podo esquecer, Xesús,
non te podo esquecer.

Desde moito tempo hai
entraches na miña vida
pola porta ampla da comunidade cristiá,
pola porta estreita e secreta
daquel encontro inesquecible, de ouro,
que só ti e máis eu coñecemos.

Foron pasando moitas cousas entre nós,
cousas de amores e fidelidades,
cousas de receos e abandonos,
nun longo e pedregoso camiño.
E ti segues aí,
á espera de reencontros e de apertas,
de soños novos, de vida nova.

Morriches,
ás veces penso que estás morto en min.
Pero o teu recordo acéndese no meu corazón,
avivécese
como se avivece o remol do lume,
cando o vento o custodia e o azouta.

Morriches,
pero espertas en min,
revives en min,
ábresme os ollos
e véxote valente e festivo
en todas as apostas, pequenas ou grandes,
que promoven a vida
(desde a da labrega loitadora, que coida e defende a terra
coma nai servidora de froitos,
ata a do voluntario sereno que acompaña presos/as,
protexendo a lapiña a piques xa de finar).

Recórdasme os preciosos nomes
cos que petaches outrora á miña porta:
soños, irmáns/ás, liberdade,
xustiza, perdón, igualdade,
dereitos, loita, festa,
acougo, paz, comunidade...,
e acendese en min a vida,
e véxote de novo ao meu carón
estendendo a man,
incitándome ao camiño,
disposto a acompañarme,
a facerte unha vez máis servidor da miña fraxilidade.

As nosas historias, Xesús,
as nosas conversas,
os nosos segredos...
Meu Señor e meu Deus!


Signo:
  • Unha luz pascual.
  • Imaxe de natureza iluminada.
  • Imaxe de Xulio Lois e o seu libro: Que no caiga la fe.
  • Santo Tomé de Caravaggio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.