Evanxeo: Lc 4,21-30
Comentario
O evanxeo de hoxe é continuación do que limos o domingo pasado. Continúa narrando o que pasou na sinagoga de Nazaré entre Xesús e os seus veciños e veciñas naquela mañá de sábado durante a celebración que os unía a todos. Xesús vese cumprindo as palabras de Isaías, nas que se facía unha aposta por un Deus que se sitúa do lado da xente pobre, encarcerada, cega, asoballada, é dicir, a xente máis marxinada da sociedade. Esa era a súa misión. E agora vén a reacción da xente, que pode axudarnos a aclarar e limpar tamén as nosas reaccións, como persoas e como comunidade cristiá que escoitamos a proposta de Xesús.