25 xullo, 2013

28 de xullo: Domingo XVII do Tempo Ordinario


Evanxeo: Lc 11,1-13

Comentario:

O evanxelista Lucas é o que máis veces fala da experiencia de oración de Xesús. De día ou de noite, no monte ou na chaira, Xesús gustaba de orar. Tanto que un dos seus discípulos lle pide que lles ensinase a orar, pois tal era o que facía o mestre Xoán Bautista e tal era tamén o que facían os líderes espirituais daquel tempo. Aprender a orar é tanto coma aprender a ter experiencia de Deus na propia vida, trato con Deus, relación viva con Deus, sentimento limpo e fondo da súa presenza acompañando a nosa vida, a nosa tarefa diaria. Podemos ter moitas prácticas relixiosas e non ter experiencia limpa de Deus na nosa vida; é algo bastante frecuente. Xesús foi un home fondamente vinculado a Deus, foi un místico apegado á vida, apegado á xente, manifestouse sempre coma persoa cunha cálida experiencia de Deus, na que atopou o motor da súa vida libre, creativa, revolucionaria, santa. Temos un mestre de garantía. Quen mellor ca el nos poderá aprender a tratar e amigar con Deus?

18 xullo, 2013

21 de xullo: Domingo XVI do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 10, 38-42

Comentario:

Chama unha vez máis a atención o lugar, o momento concreto no que suceden as cousas, nas que Xesús intervén. Xesús non era un sacerdote da súa relixión, era un laico, e, coma bo laico, os espazos tidos por sagrados non eran para el os máis apropiados para desenvolver a súa actividade de anunciador dunha Boa Nova por parte de Deus. Os espazos para el máis idóneos eran os da vida normal, profana, o mundo, as aldeas, o pobo, a xente, os camiños, os encontros, os comedores, as cociñas...; todo lle valía, todo lle daba pé para ir espallando, popularizando a novidade de Deus; todo se ía facendo para el espazo sagrado. Parémonos agora a ver cal é en concreto a proposta nova de Xesús neste encontro ocasional con dúas mulleres, Marta e María, na casa destas.

11 xullo, 2013

14 de xullo: Domingo XV do Tempo Ordinario (C)


Comentario:

Cando se fala de posibles cambios na vida dos cristiáns e cristiás, na vida das comunidades cristiás e do conxunto da Igrexa, fálase da necesidade de facernos persoas samaritanas, comunidades samaritanas, Igrexa samaritana. Por iso é tan importante achegarnos con ollos limpos, con corazón limpo, unha vez máis a este texto do evanxeo de Lucas, que podería ser un estupendo resume de todo o Evanxeo de Xesús; unha especie de Evanxeo do Evanxeo.

7 de xullo: Domingo XIV do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 10, 1-12. 17-20

Comentario:

Foi práctica de Xesús mandar os discípulos, e discípulas, de dous en dous, por vilas e lugares, anunciando o novo de Deus, ou foi cousa pensada máis tarde polas primeiras comunidades cristiás? Vén ser o mesmo. As primeiras comunidades cristiás aprenderan de Xesús que achegarse de veras ao corazón de Deus e ao seu dinamismo de amor solidario era algo moi bo para todo o pobo, especialmente para as persoas máis marxinadas do pobo, e por iso ansiaban que fosen moitos e moitas, de dous en dous, de tres en tres, de catro en catro, como fose, as que, máis aínda cos feitos que coas palabras, o fosen introducindo na vida das persoas e dos pobos. Así que había que remover o ceo e máis a terra, para que a cousa fose adiante, porque diso dependía o benestar fondo de moita xente. Temos nós ese mesmo convencemento? Somos así apaixonados/as do pobo, como o era Xesús e como o eran aquelas primeiras comunidades cristiás?