04 maio, 2013

Ecos da carta de Manolo Regal

Recibín a carta de Manolo Regal, e despois dunha lectura emocionada, dinme conta que esta carta é un documento valiosísimo porque está escrito desde a experiencia e polo tanto o que comunica ten unha base tan real como a vida mesma. Decidín utilizalo como material de traballo nun grupo ao que estou acompañando, un grupo de mulleres comprometidas coa Igrexa de Xesús, que tratan de ir crecendo xuntas na fe, vivindo a súa propia vida desde unha espiritualidade baseada na experiencia do Deus que nos crea por amor.

     A lectura inicial foi una lectura emocionada, compartindo con Manolo Regal a súa experiencia, e recoñecendo que é moi grande e moi auténtica a fe dunha persoa que é capaz de verbalizar o que sinte neste momento difícil, da forma e maneira como o verbaliza Manolo.
 
     Deixamos a emoción como pano de fondo ao noso traballo e pasamos a facer unha lectura máis fonda e calmada para que cada unha de nós expresara cales eran os puntos que lle chegaran máis dentro e que necesitara expresar.
Varias das mulleres teñen neste momento experiencias vitais similares ás de Manolo, ben persoais ou ben de xente moi próximas a elas , polo tanto non se falaba de memoria.
 
     Resumindo o traballado no grupo, direivos que houbo varios puntos que consideramos importantes para vivilos tal cal desde xa. No noso grupo repetimos moitas veces, que si queremos afrontar á maneira de Xesús, as cousas impactantes da vida (sexan boas ou non), temos que telo claro, e facelo consciente nos momentos de calma, prepararnos, adestrarnos, vivir cada día de maneira continuada a presenza, o apoio, a tenrura, a compañía do Deus, nai e pai que habita en nós, que nos crea por amor, que nos fai ser, que nos impulsa sempre cara adiante .
 
     O primeiro punto “SEI QUE DEUS ESTÁ DA MIÑA PARTE, NON LLE TEMOS QUE PEDIR QUE SEXA BENEVOLENTE CONMIGO” Este é o punto fundamental, o que marca un estilo de relación con Deus, o que determina a nosa maneira de rezar o que fai innecesaria a oración de petición, o que enche de ledicia, de serenidade, de paz, de forza e de consolo toda a nosa vida. Esta experiencia non vai xurdir de repente nos momentos en que máis o precisamos. Ten que ser unha experiencia continua, que forme parte de cada momento da nosa vida. É cousa do corazón e tamén da cabeza. É cousa de todo o noso ser.
 
     O segundo punto: “NON QUERO AFOGARME NA MIÑA PROPIA DOR”. Xa se está preparando Manolo para ser amigo, para escoitar, para dar forza, para ampliar a súa tenda, para que nela teñan cabida todos e todas as que por mor da enfermidade vanse relacionar con el.
 
     O terceiro punto: “EU TAMÉN QUERO COIDAR O AGRADECEMENTO”. A actitude de agradecer e o sentimento que produce en nós, é sandadora para a nosa vida e sandadora para a vida de todas as persoas que o reciben da nosa parte. Agradecer a Deus o seu amor e as posibilidades que nos ofrece por facernos ser. Agradecer as persoas o seus coidados, e as súas atencións por pequenas que sexan. Agradecer, fai máis fácil, máis gratificante e máis feliz a vida de todos e todas.
 
     O compromiso a que nos leva a lectura da carta de Regal é levar ao presente da nosa vida de maneira consciente a experiencia da presenza amorosa de Deus, a apertura aos demais é a actitude de agradecemento.
 
     Moitas grazas Manolo Regal por esta carta , auténtica, sabia, mística e profunda. Faremos o que nos pides que non é máis que a experiencia da comuñón dos santos e santas, na que dicimos crer cando recitamos o credo. Todas a nosas bendicións, as boas enerxías e os recordos agarimosos e ademais MIL BICOS.
 

1 comentario:

  1. teresa22:51

    Moitas gracias Elvira por esta reflexión,feita po lo voso grupo,nos tamén a leemos, e chegamos a conclusión de que tratar de vivir o evanxeo,de acecarnos a Xesus con fe, levannos a vivir as dificultades da vida con esperanza,e mais a Manolo,que ten unha experiencia, de oración profunda,e de cercanía con Deus Pai/Nai,e que a sabe trasmitir,rezaremos para que estea pronto con nos.

    ResponderEliminar

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.