01 novembro, 2012

4 de novembro: Domingo XXXI do Tempo Ordinario (B)


Evanxeo: Mc 12,28b-34

Comentario:

Nun momento de discusión de Xesús con persoas que se tiñan por moi entendidas en cousas de relixión, un letrado achégase a Xesús para lle preguntar algo que para os xudeus tiña a súa importancia, porque, no seu afán por convertelo todo en normas e preceptos, chegaran a facer un compendio de 613 que deberían cumprir para satisfacer a Deus. Nós non chegamos a tanto, pero temos que recoñecer que moitas veces discutimos, debatemos, de palabra ou por escrito, sobre mil cousas que teñen que ver tamén con ritos, normas, formas, credos, palabras,... Por iso, non está de máis que tamén aprendamos con Xesús a pousar os ollos e o corazón no esencial. Que é o esencial da nosa fe, da nosa condición de persoas cristiás? Que é aquilo que nos distingue coma tales?
     En realidade, os xudeus tíñamo claro, e incluso claramente escrito no mandamento principal, que lembraban cada día na oración da mañá: “Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza”. Ante a pregunta do letrado, Xesús non fai senón remitilo ao que de todos era ben sabido; iso si, se lle preguntan polo primeiro dos mandamentos, ao responder, sen que lle pregunten, contesta tamén advertindo sobre da igual importancia do que Xesús chama o segundo: “Amarás o próximo coma a ti mesmo”. Xesús non entende un sen o outro.
     Está claro qué é o importante, o máis importante para Xesús. Está claro que é o importante, o máis importante para aqueles que pretendemos andar no seu seguimento. É importante subliñar a radicalidade coa que Xesús anuncia cada un deses dous mandamentos principais. A Deus é necesario amalo “con todo o corazón, con toda a alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza”; é coma dicir, amalo con todas as posibilidades e recursos, físicos, psíquicos, sociais, do teu ser. Non é bo para a limpeza dese amor que nada quede excluído. Nada queda excluído cando o amor é potente, como nos pasa cando estamos namorados dunha persoa. E ao próximo é necesario amalo “coma a ti mesmo”, entendendo, en principio, cando non estamos danados por algún deterioro psíquico ou social, que o amor a un mesmo é ese algo case instintivo ao redor do cal se desenvolve con naturalidade a nosa actividade vital.
     Certo que, aínda que as cousas parecen moi claras e moi sinxelas, os homes e mulleres de todos os tempos temos as nosas dificultades para entrar con pé dereito polo carreiro dos amores, do amor. Amar é unha arte, que precisa aprendizaxe e exercicio diario, para poder chegar a converterse no motor feliz da nosa vida. Xesús é experto e mestre nesa arte, moito máis ca en doutrinas de ningunha clase. O Evanxeo non é senón unha mostra viva de como Xesús entendía iso de amar, tanto a Deus coma a xente, nun mesmo é único movemento.
     Como vivimos hoxe este mandamento básico do amor, como persoas e como comunidade cristiá? Que poderiamos facer para reforzarnos no amor a Deus, á xente, aos veciños/as? Que trampas hai que nos poden estar empuxando cara a ilusións, nas que dicimos amar a Deus, e sabe Deus a quen amamos, nas que dicimos estar amando á xente, e sabe Deus a quen amamos? Un criterio moi bo, aconsellado por Xesús, é, como vimos, que non desaparellemos nunca o amor do próximo do amor a Deus. E como se ama ao próximo sabémolo ben. Sabémolo ben especialmente en tempos de crise, de carencias, de desesperanzas. Outro criterio pode ser o de conxugar sempre un amor de compartir inmediato (tenrura, pan, apertas, esmolas, acompañamento...) cun amor responsable, estrutural, que axuda a situar a outra persoa ante a súa propia responsabilidade e que mira tamén polo cambio de sistemas sociais, políticos, económicos que con frecuencia son os causantes das necesidades que as persoas teñen.


Preces

CONFIAMOS EN TI, SEÑOR,
PARA SER GRANDES NO AMOR.
  • Para amar a Deus con paixón e limpeza, como ti o fixeches. Oremos.
  • Para amar as persoas que nos rodean con desinterese e devoción. Oremos.
  • Para mellor servir a quen precisa de nós, sen esperar nada a cambio. Oremos.
  • Para amar loitando por cambiar as estruturas sociais inxustas, das que depende moito benestar da xente. Oremos.
  • Para nos sentir fondamente amados/as por ti, e así amar non por obriga, senón desde a experiencia de que o amor é o máis grande, o que de verdade nos dá respiro na vida. Oremos.

Pregaria

Sempre ao teu lado, Xesús,
sempre ao teu lado,
sempre aprendendo,
sempre ti reconducíndonos ao esencial,
onde se xoga
a verdade de Deus en nós,
a nosa verdade en Deus.
Grazas!
Por riba de leis e de normas,
por riba de credos e de dogmas,
está o amor;
dísnolo con voz convencida,
coa firmeza de quen ten experimentado
a humilde e fermosa graza
de amar a fondo porque a fondo foi amado.
Grazas!

O camiño está trazado con limpeza,
non hai lugar a dúbidas e enganos:
amar, só amar, amar a presas,
poñendo en xogo todo o mellor do ser humano.

E andar co corazón na man a cada hora,
deixando que o amor libere as nosas vidas:
amar a Deus con formas espelidas,
compartindo agudamente as dores de quen chora.

Co nome de Deus fresco e san na boca,
co nome sagrado de veciños e veciñas
cubrindo o amor co manto da xustiza,
gardándonos a vida de ilusións ocas.

Sempre ao teu lado, Xesús,
sempre ao teu lado,
sempre aprendendo
Grazas!


Signo
  • Os dous pedais dunha bicicleta: Deus e o próximo, permitíndonos avanzar no amor bo.
  • Algunha imaxe de servizo a alguén.
  • Nun cartel estas tres palabras: AMOR, ORACIÓN, COMPROMISO


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.