27 novembro, 2012

2 de decembro: Domingo 1 de Advento (C)


Evanxeo: Lc 21, 25-28.34-36

Comentario

Empezamos o tempo do Advento, tempo da chegada, tempo do Deus que chega e das cousas de Deus que chegan. Un tempo para decatarnos de que Deus e as súas cousas de vida están chegando sempre; elas están aí ofrecéndose permanentemente, en cada caso, iso si, envoltas nas circunstancias persoais, comunitarias, sociais, que van variando segundo tempos e lugares. Polo tanto, e a diferencia do que habitualmente se di e se canta e reza neste tempo do Advento, non é tanto un tempo de clamar: Ven, Señor Xesús!, senón tempo de abrir os ollos, o corazón, a casa, a vida, a comunidade, a un Señor Xesús que está chegando –el nunca falta á cita--, que se nos está ofrecendo en cada caso, xa o dixemos antes, a través das circunstancias concretas que esteamos vivindo. Por iso o Advento é un tempo especial para pararnos a ver qué é o que está a pasar, o que nos está a pasar, o que lle está a pasar aos veciños e veciñas, ao pobo do que formamos parte, e ver aí a presenza de Deus, a súa voz, o seu ofrecemento, a súa chamada.

“Haberá sinais”, di o Evanxeo. E sinais hai nos tempos que estamos vivindo; sinais a nivel do planeta terra: o quecemento do planeta, a contaminación ambiental, o deterioro alimenticio, o deterioro da saúde, cánceres...; sinais a nivel das relacións sociais: concentración en poucas mans, en poucos países, do poder, dos cartos, das posibilidades de vida, alimentos, saúde, auga; desmantelamento de certos niveis de vida digna nunha maioría, para que se manteña o poder dunha minoría, cousa que nos axuda a ver, palpar, o que esta minoría xa estaba practicando coa inmensa maioría dos países do mundo, aos que sometía á mesma presión que nós hoxe estamos vivindo. Sinais a nivel persoal: xente angustiada, con medo, con desacougos fortes, polo que está vindo, polo que virá enriba das súas vidas. “Os astros abalarán”, di o Evanxeo: aquilo que parecía ter maior consistencia nas nosas vidas, en moitos casos estásenos indo das mans. A paz fonda, a esperanza forte, o amor, a solidariedade como método de relación e de compensación social, política, perden consistencia.
 
Sen dúbida os nosos tempos son desastrosos por moitas razóns. Aínda que é bo non vitimizarnos demasiado: houbo tempos iguales e peores de críticos ca os nosos; hai persoas e países que o están pasando bastante peor do que nós o estamos pasando. Pero é certo que moita xente está pasando momentos moi duros. Hai reaccións políticas, cidadás, importantes, que levantan o ánimo; pero hai tamén movementos políticos e sociais que nos empuxan ao pesimismo. Que facer? O Evanxeo, no medio de todo isto, dinos con claridade: “poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación”. Invítanos, logo, a unha actitude positiva, invítanos ao camiño, á loita, á dignidade, á esperanza, á indignación, á protesta, á humildade, á confianza: porque chega o día da vosa liberación. Hai saída? Hai saída! Por onde? Crendo na solidariedade, rebentando coa solidariedade efectiva moitas formas caducas de facer política, de facer convivencia cidadá; deixando que a solidariedade nas nosas mans e no noso corazón vaia inventando formas novas de vernos, de tratarnos, de atendernos, de servirnos.
 
Tempos de depresión? Non! Tempos de adormecemento? Non! Tempos de fiarnos das voces xa roucas dos que sempre nos falaron dos incontables méritos dos cartos? Non! Tempos de adormecernos co fútbol, cos botellóns, coas series televisivas, ou mesmo cunha relixión apagada e rancia que se nos volve ofrecer como menciña que adormenta? Non! Tempo de “ter conta de vós mesmos”, di o Evanxeo; tempo, logo, de mirar o que valemos, de non estragar as nosas posibilidades; de non deixarse enganar, de afiar os sentidos todos, de ter o corazón a flor de pel; tempo de “vixilancia sempre”; tempos de pregar, é dicir, de vincularnos con forza á forza de vida e de amor, Deus, que nos dá luz, consistencia, forza, aguante, compaña; tempos de soñar. Xesús está aí, non para meternos máis medo aínda no corpo, senón para camiñar ao noso lado cara á creación dunha sociedade nova. É posible? Si, é posible!

Preces

PORQUE CHEGA O DÍA DA NOSA LIBERACIÓN
  • Solidarizámonos coas persoas que camiñan en angustia e desacougo por razóns laborais, por débedas e hipotecas, por violencia de xénero. Que coa nosa axuda poidan poñerse en pé e levantar a cabeza. Oremos.
  • Presentámonos ante Deus levando nas mans os nosos medos, as nosas incoherencias, os nosos egoísmos. Que poidamos recuperarnos para a esperanza. Oremos.
  • Para que non pechemos os ollos ao que sucede no noso corazón e no noso arredor; que esteamos vivos/as e alerta, dispostos/as a acoller ao Deus que nos visita cada día. Oremos.
  • Queremos acompañar na vida de cada día ás persoas máis fundidas que hai entre nós, desesperadas, que xa non cren en nada, en ninguén, nin sequera en Deus. Oremos.
  • Que as comunidades cristiás saibamos transmitir con solidez a esperanza de Deus, e sexamos fogares quentes para quen anda triste e desasistido/a na vida. Oremos.

Pregaria

¡Por fin só, sentado, quieto,
contigo,
vendo pasar algún coche,
sentindo o silencio da mañá,
o frío desta mañá,
pousando os ollos sobre o manto multicolor
deste amencer plácido de outono!

Placidez que non teño,
placidez que vexo que non temos.
Sensación de fracaso a moitas bandas,
de non dar acadado o pretendido,
de non ver realizados os soños,
en min mesmo,
no me grupo, na miña comunidade, na miña Igrexa,
no meu sindicato, no meu partido,
en Galicia, en España, no mundo...
dor, amargura, desespero...

Así estou, meu Deus,
achegándome a ti pola porta de atrás,
con vergonza.
Vexo que ti tampouco es plácido,
ou elo dun xeito moi especial,
moi vivo.

Como poderei sentirte, vivirte, coma o que es:
un fogo vivo nun fogar quente,
que dá paz e alento para a vida, para a convivencia.
Un sunami de amor,
que contaxia e arrastra todo o que encontra,
con maneiras contrutivas.
Un punto de enerxía, un corazón pleno
que dinamiza toda a miña vida?

Sentirte así, vivirte así, meu Deus,
canté!, quen puidese!
Na miña pobreza e debilidade, a túa acollida.
No meu pecado, a túa aperta.
No meu desalento, o teu consolo.
No meu cansazo, o teu vigor.

Sentirte así en min, en todos e todas,
coma o que es:
reclamo dos soños,
servidor dos soños,
alentador dos soños,
construtor dos soños.
Sempre.
Canté!

Signo
  • Rostros variados de xente abatida.
  • Rostros ou escenas de persoas do terceiro mundo e do primeiro mundo, alternándose.
  • Polo medio tamén un rostro luminoso, pacífico, vigoroso, de Xesús.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.