02 maio, 2012

Oración da mañá do 28 de abril de 2012

                       ORACIÓN DA MAÑÁ: NA PASCUA DE XESÚS

Símbolo: Coroa de loureiro, cirio, cruz de madeira. Canto do Aleluia.
Lectura de Xn 20,11-18
Salmo 118 (adaptado)

(T) Loade o Señor porque é bo,
porque o seu amor é eterno.

(N) Que o digan todos os pobos:
(T)o seu amor é eterno;
(N)que o digan as persoas que o aman:
(T)o seu amor é eterno;
(N)que o diga quen busca ao Señor:
(T)o seu amor é eterno.

(S) No aperto invoco o Señor
e El escóitame e líbrame.
O Señor está comigo, nada temerei:
quen me pode facer mal?
O Señor está comigo, el é quen me axuda.
non hai mal que me poida.

(T) Mellor é acollerse ao Señor
ca fiarse do ser humano.
Mellor é acollerse ao Señor
ca fiarse dos grandes.

(S) Rodeábame un fato de inimigos:
no nome do Señor eu libereime;
poñíanme cerco e apurábanme:
no nome do Señor eu libereime;
envolvíanme coma abellas,
queimábanme coma lume nas silveiras:
no nome do Señor eu libereime.
Empurraban e empurraban para tirarme,
pero o Señor é o meu auxilio.
O Señor é a miña forza, o meu cantar,
El é a miña salvación.

(N) Óense cantares de gozo e de vitoria
nas moradas da xente xusta:
(T) a man do Señor é valente,
a man do Señor é poderosa,
a man do Señor é valente.

(S) Non hei morrer, vivirei
e cantarei os feitos do Señor.
O Señor levoume da man,
El garda a miña vida.

(T) Aleluia, aleluia, gloria a Deus,

(S) Abrídeme as portas da vitoria:
quero cantar e dar grazas ao Señor.
(N) Esta é a porta do Señor:
os xustos entran por ela.
(S) Douche as grazas porque me escoitas:
ti es a miña salvación.

(T) Aleluia, aleluia, gloria a Deus,

(N) A pedra que desbotaron os canteiros
convértese en pedra angular.
Isto é cousa do Señor,
admirable feito á nosa vista.
Este é o día en que actúa o Señor:
relouquemos e alegrémonos nel.
Ai, Señor, só ti es a nosa salvación!
Ai, Señor, só ti nos dás prosperidade!

(T) Aleluia, aleluia, gloria a Deus

(N) Bendito quen vén no nome do Señor:
bendicímosvos desde a casa do Señor.
(T) O Señor é Deus: El dános a luz.

(N) Ordenade festa con ramos
ata a beira do altar.

(S) Meu Deus, douche as grazas,
meu Deus, quero enxalzarte.

(T) Loade o Señor porque é bo,
porque o seu amor é eterno.

Lectura de Xn 2019-23.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.