12 marzo, 2012

Celebración do Perdón: 10 de marzo de 2012

Celebración do perdón e da reconciliación


1.- Primeiro momento: AO ABEIRO DE DEUS

CANTO:
Onda ti, noso Pai, á tardiña,
onda ti, que nos levas da man,
axuntámonos pra agradecerche
a ledicia do día que cae.

Como axunta a galiña os pitiños,
cando á tarde se vai indo o sol;
ao calor das túas ás quentiños,
na túa paz nos acolles, Señor.

Lectura de Lc 15,1-2

Comentario

Lectura de novo de Lc 15,1-2

Silencio

Oración en común

Xesús, meu Xesús,
meu mestre e señor,
meu irmán e compañeiro.
Grazas por podermos estas aquí,
véndonos, falándonos, sentíndonos.

Cantas cousas me evoca
a túa presenza!
Repleto de Deus
por todos os recantos do teu ser,
as túas palabras e accións
eran sempre
palabras e accións de comprensión,
de abundancia de misericordia,
de urxencia por reparar vidas,
de condolencia a fondo
por quen sufría na vida,
de protesta ante quen tal provocaba,
de decisión para o cambio necesario.

Xesús,
brazos que abrazan,
vida que se contaxia,
calor que derrete inercias e pasividades,
auga que limpa e que renova,
alegría envolve e que namora.

Xesús, meu Xesús,
cos publicanos e pecadores
que se achegaban a ti para escoitarte,
estou eu,
estamos nós,
precisados tamén de ser recibidos por ti,
de liberarnos co perdón do teu Deus,
de comer na túa mesa comunitaria,
para sermos simplemente
homes e mulleres novas,
para unha terra nova no teu nome.

2.- Segundo momento: RECOÑECENDO O NOSO PECADO

CANTO:
Son pecador, quero arrepentirme,
son pecador, quero arrepentirme,
son pecador, quero arrepentirme,
espero en ti, Señor.

Lectura de Lc 15, 11-19
(lectura representada de forma simple: narrador, fillo, pai)

Comentario

Suxestións para o arrepentimento

Canto de novo

Silencio. Xesto penitencial:
-Hai un crucifixo.
-Hai un recipiente con auga,
-Unha fardela onde botar o pecado.
-Un papel en branco, onde escribir nomes
de persoas coas que un se sinta en débeda.
-Dirixirse a algunha persoa presente.
-Saír, sen máis, recoñecéndose pecador.
-A pedra branca da mañá.

A cada recoñecemento de pecado,
todos contestamos dicindo:

DEUS PAI/NAI NON QUERE
QUE TE PERDAS.
OS TEUS PECADOS ESTÁN PERDOADOS.
ALÉGRATE E VAITE EN PAZ.

3.- Terceiro momento: FAGAMOS GRANDE FESTA

Evocación de imaxes bíblicas de Deus:

Coma unha osa que defende os seus osiños,
así é Deus connosco

Coma unha pita que cobre os seus pitiños,
así é Deus connosco.

Coma un pai ou unha nai
sente tenrura polos seus fillos/as,
sente Deus tenrura por nós.

Aínda que unha nai esquecera os seus fillos,
eu –Deus— non o faría.

Coma un pastor que busca a perdida
e a trae ao lombo recuperada
e fai festa por iso,
así é Deus connosco.

Coma unha muller que convoca a veciñanza
para unha festa pola moeda perdida e atopada,
así é Deus connosco.

Coma un pastor,
que dá a súa vida polas ovellas,
así é Deus connosco.

Lectura de Lc 15, 22-24
(tamén representada: narrador, fillo pecador, pai, criados.)

Música de festa, canto, palmas.

Lectura de Lc 15,25-32
(tamén representada: narrador, fillo maior,  criado, pai).

Música de festa, canto, palmas.

CANTO:
Déixate querer, déixate querer,
déixate querer por Deus.

Non poñas trabas ao teu amigo,
non teñas medo a compartir
as inquedanza dunha amizade
que ten por froito feliz vivir. (2)

Pregaria

NO NOME DE DEUS PAI/NAI
FAGAMOS GRANDE FESTA.

Vistamos os mellores vestidos
dos mellores días de festa,
as roupas da alegría,
as roupas da irmandade,
que cura e que libera.

Adobiemos os dedos co anelo máis prezado,
o que nos vincula á vida,
e crea entre nós recios vencellos
de fidelidade dada e recibida.

Poñamos nos pés zapatos axeitados
para a brincadela, para o baile,
para andar camiños de solidariedade
e inventar o novo a cada hora.

Fartémonos de alimentos saborosos,
comamos e bebamos ledamente
facendo mesa común
coa xente máis afectada pola crise,
collamos forzas para o camiño,
que é longo, duro e imprevisto.

Fagamos festa, irmáns,
fagamos festa, irmás,
porque estabamos mortos/as
e Deus Pai/Nai volveunos á vida,
estabamos perdidos/as,
e fomos por Deus atopadas/os.

Fagamos festa, irmáns,
fagamos festa, irmás,
no nome de Deus Pai,
fagamos grande festa.

CANTO

Deixate querer ...

Obsequio de festa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.