28 marzo, 2012

1 de abril: Domingo de Ramos (B)


Evanxeo: Procesión dos Ramos: Mc 11, 1-10; Misa: Paixón segundo San Marcos: Mc 14, 1—15, 47.

Comentario:
     Dous momentos distintos da vida de Xesús: a entrada daquela maneira triunfal na cidade de Xerusalén e a xornada posterior na que o collen preso, o xulgan cun xuízo rápido e trampulleiro e a posterior execución coma un bandido, revolucionario, herexe ou algo similar. Dous momentos moi vinculados entre si. Xesús, seguindo nisto, coma noutras cousas, a tradición dos profetas do seu pobo, era dado a facer sinais proféticos, que eran xestos, accións que descolocaban as persoas que estaban con el; xestos e accións cargados dun fondo significado, e que poñían en cuestión formas normalizadas de entender a vida, a vida relixiosa, a vida social. O xesto da Eucaristía quizabes fose o xesto profético máis significativo de Xesús, o que máis quedou na memoria e na práctica das comunidades cristiás. Pero houbo moitos máis. Este da entrada “triunfal” en Xerusalén, montado nun burro, entre os berros e ramos dos seus admiradores, foi un deles.

21 marzo, 2012

25 de marzo: Domingo V de Coresma (B)

Evanxeo: Xn 12, 20-33

Comentario:

     Seguimos estando ante as primeiras comunidades cristiás que seguen afectadas pola morte de Xesús, o xusto condenado inxustamente, e intentan buscarlle un sentido a ese acontecemento. A morte inxusta de Xesús  prolóngase no tempo nos miles e millóns de mortes inocentes inxustamente provocadas pola xente que detecta o poder social ou relixioso, ou por quen pensa que a violencia segue a ser camiño para resolver conflitos e inxustizas, ou por quen ve e contempla todo isto e consente e cala. Non é doado liberarse da tentación de matar, de aniquilar ou de menosprezar o contrario, o diferente; non é doado vivir de forma rotunda na non violencia, no pacifismo activo, como fixo Xesús. Non é doado entender a morte de quen é vítima da violencia persoal ou institucional. Se transiximos tranquilamente con que a diario haxa centos de miles de mortos de fame ou de enfermidades curables, non temos o Espírito de Xesús, e a violencia feita ou consentida ten espazos fondos no noso corazón, na nosa vida. 

15 marzo, 2012

18 de marzo: Domingo IV de Coresma

 
Evanxeo: Xn 3, 14-21


Comentario:

     O Evanxeo de hoxe forma parte dunha conversa entre Xesús e un fariseo, maxistrado xudeu, chamado Nicodemo. O evanxelista Xoán concibe e presenta o seu evanxeo, en boa medida, coma unhas recreacións de longos “discursos” de Xesús ante determinadas circunstancias, ou de conversas de Xesús con determinadas persoas. Recreacións que poden ter orixe en palabras concretas de Xesús, pero que tamén se deben moito á propia reflexión do evanxelista. No fondo o que sempre pretende o evanxelista é dilucidar para si e para os seus lectores ou lectoras o significado profundo da persoa, da vida e da morte de Xesús.

13 marzo, 2012

Traballo entre sesións: 10 de marzo - 28 de abril de 2012


Lecturas:

Ø  TORRES QUEIRUGA, A.,  A Eucaristía, encontro vivo co Señor. Caderno Escola de Espiritualidade, último artigo.

 
Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:
-        En que medida a Eucaristía é un sacramento e tamén o sacramento dos sacramentos?
-        Que se quere dicir con “presenza real” na Eucaristía? Elimina iso outras presenzas, ou estas non son reais?
-        Relación entre presenza e encontro, entre o don permanente de Deus, de Xesús, e a nosa capacidade limitada de percibila e gozala nos encontros concretos.
-        Que relación se establece entre Eucaristía e Comunidade?
-        En relación coa Eucaristía, coa súa realización diaria no medio das nosas comunidades cristiás, que che suxire a lectura deste artigo?
-        Con que problemas te encontras na túa vivencia persoal e comunitaria da Eucaristía, que non viches recollidos no artigo presente?
-        Cres que na Igrexa se está tendo un bo coidado da celebración eucarística? Ao teu ver, que lle sobra? Que che falta?

Oración da mañá do 10 de marzo de 2012

Do desalento á esperanza, na ledicia de sermos persoas basicamente amadas e perdoadas.

Signo: Unha pedra branca.

Silencio: toma de conciencia de min mesmo/a, da comunidade, de Deus.

Canto

Ergo os meus ollos cara aos montes
de onde me vai vir a axuda?
Vaime vir do Señor Deus
que fixo o ceo e mais a terra (2)

12 marzo, 2012

Celebración do Perdón: 10 de marzo de 2012

Celebración do perdón e da reconciliación


1.- Primeiro momento: AO ABEIRO DE DEUS

CANTO:
Onda ti, noso Pai, á tardiña,
onda ti, que nos levas da man,
axuntámonos pra agradecerche
a ledicia do día que cae.

Como axunta a galiña os pitiños,
cando á tarde se vai indo o sol;
ao calor das túas ás quentiños,
na túa paz nos acolles, Señor.

Lectura de Lc 15,1-2

06 marzo, 2012

11 de marzo: Domingo III de Coresma (B)

Evanxeo: Xn 2, 13-25

Comentario:

     O relato do evanxeo de hoxe presenta un feito histórico vivido por Xesús, que tamén recollen os outros tres evanxelistas, e unha prolongación simbólica do mesmo, que xa é cousa particular do evanxelista Xoán. O feito histórico narra un comportamento violento de Xesús, cando cun vergallo bota fóra do recinto do templo a vendedores de animais e aos que facilitaban o cambio de diñeiro, actividades estas que chegaran a ser necesarias para que no templo se desenvolvese o culto tal como a clase sacerdotal o fora organizando ou consentindo. A cousa chegara a converterse nun bo negocio para os responsables do templo, e Xesús non tolera que a casa do seu Pai estea convertida en casa de negocio. Protesta contra iso por unha vez dunha forma violenta.
    
     O Evanxelista Xoán vincula ese acontecemento co da morte e resurrección