12 xaneiro, 2012

15 de xaneiro: Domingo II do Tempo Ordinario (B)



FOLLA SEMANAL

Por Manolo Regal Ledo



O EVANXEO DE CADA DOMINGO

Evanxeo: Xn 1, 35-42

                                                                         Comentario                                                                  

  • O relato, ao contar os primeiros momentos da tarefa liberadora de Xesús, preséntao coma Año de Deus, Mestre, Mesías, títulos de verdadeiro calado humano e espiritual, aos que probablemente chegaron os primeiros grupos de cristiáns e cristiás despois de tempo de convivencia con Xesús, de experimentar ao seu carón o vigor da súa existencia totalmente aberta a Deus e totalmente entregado polo ben da xente, especialmente da xente máis deixada ao lado no seu tempo. Invítasenos, loxicamente, a facer un recorrido persoal e comunitario ao seu lado, que nos leve cordialmente, vitalmente, ás mesmas ou semellantes conclusións.
  • Polo demais, este pedaciño de Evanxeo preséntanos un proceso exemplar de adhesión a Xesús e á súa causa. Alguén fala del; córrese a voz da súa presenza, vaise sabendo dos seus proxectos: o que empeza a vivir e a facer, despois dunha tempada tan intensa pasada ao pé do Bautista, como aprendiz, desenvolvendo conviccións, maneiras de sentir a Deus e de situarse ante a densidade da vida. Quizabes alguén de entre nós se sente coa tarefa de falar del, contar as súas cousas, as súas paixóns, os seus soños, os seus ofrecementos.
  • Hai persoas que se achegan, que buscan, que o buscan. Un lema forte da súa vida é preguntarse: onde paras? Non é unha pregunta teórica, que deba recibir unha resposta teórica. É unha pregunta por unha experiencia compartida: onde paras, para poder pasar tempos contigo, para coñecer, para aprender, para amar, para compartir. Desde logo o evanxeo de hoxe invítanos a asumir esta actitude vital.
  • A resposta de Xesús vai polo mesmo camiño: Vide e veredes. Invítaos a tempos de xuntanza ao seu lado. Foron, viron, quedaron con el aquela tarde-noite ditosa, nunha compaña que os marcou para sempre. Estaría ben que nos preguntásemos onde poderán estar hoxe os sitios nos que Xesús para, nos que el nos invita a entrar, ver, compartir, aprender... Sabemos da teima que Xesús tiña por estar alí onde a xente sofre con calquera clase de sufrimento, onde a xente loita por liberarse e dignificar a súa vida, onde a xente verte e recibe perdóns e solidariedades, comparte palabras, ánimos e cartos; alí onde a xente festexa agradecidamente estas pequenas vitorias da vida, á espera dunha vitoria total da fraternidade en Deus. Cada quen pode saber moi ben en que lugares e tempos concretos pode ir e estar con este Xesús, para nutrir a súa vida, a súa esperanza.
  • Os homes e mulleres que daquela pasaron unhas horas con Xesús saen e cóntano, vano falando, pouco a pouco, en rede como dicimos agora; a noticia feliz de Xesús vaise estendendo, vanse multiplicando as adhesións, vai habendo xente que vén, comparte vida, experimenta, anímase, asume tarefas e responsabilidades. Pouco a pouco, baixo a guía e forza do Espírito, na compaña cálida de Xesús, algo novo nace e se ofrece. Seguro que cada un, cada unha de nós teriamos moito que contar sobre desta rolada de adhesións á que nun momento determinado da nosa vida nos unimos. E quen considere sentirse xa collido por Xesús e pola súa causa queda igualmente invitado/a a unha maior intensidade e frecuencia. O de Xesús non ten remate.
  • Xesús non é algo inútil para os tempos críticos que vivimos. Celebrar a adhesión á súa persoa, á súa causa, non é desentenderse de todo o que nos está vindo enriba, de todo o que lles está vindo enriba á xente máis débil da sociedade. O proxecto de Xesús si que pon no centro aos máis débiles; se non, non é o proxecto de Xesús.

  

                                                                            Preces                                                                          

 ONDE PARAS, XESÚS? QUEREMOS ESTAR CONTIGO


  • Que teñamos coma ti, Xesús, espírito buscador, e te busquemos e atopemos nas casas e nas vidas da xente máis débil. Oremos.
  • Que poidamos gozar da túa amizade, ser empuxados/as polo teu Espírito, atraídos/as pola túa causa, e nos convertamos en xente fiel e loitadora ao teu lado. Oremos.
  • Que nas nosas comunidades cristiás, na nosa Igrexa, sexamos capaces de crear espazos de vida e de convivencia, onde se contaxie a túa frescura, a túa vitalidade, a túa maneira nova de vivir e de convivir. Oremos.
  • Que os nosos veciños/as que o están pasando mal sintan o apoio da comunidade cristiá, e poidan chegar a ter pan e paz nas súas vidas aflixidas. Oremos.
  • Que os pobos pobres do mundo se poidan defender de quen os explota e esquilma, que a fe cristiá os fortaleza na busca e defensa da súa dignidade humana máis completa. Oremos.

                                                                            Pregaria                                                                     

Porque ti es, meu Deus,
quen nos colmas da túa presenza,
quen nos ofreces teimudamente a túa amizade íntima
--ti es en nós, e nós somos en ti, a fondo, para sempre--,
desexo ardentemente as túas apertas fondas,
que perdoan ata as derradeiras torpezas,
que renovan as vidas máis murchadas, 
que fan saltar de ledicia a quen anda canso/a e apagado/a.

Porque ti es, meu Xesús, o Cristo,
quen nos ofreces diariamente o pan da vida e da comuñón,
en casa e mesa provocadora de fraternidade simple e radical;
porque ti es quen camiñas a diario ao noso carón,
nas nosas vidas vulgares feitas de lama e de milagres,
sen romper de todo a cana crebada
nin apagar a torcida que esmorece,
suspiro pola hora de verte e estar contigo,
contigo e coa túa xente,
para aprender camiños de comunidade na paz e no servizo.

Porque es ti, Espírito bo e santo de Deus,
quen nos fas alentar e amar,
quen sostés as miúdas ilusións de cada día
relanzándoas ata o corazón mesmo de Deus,
madrugo cada mañá co afán medrado
de sentirte moito onda min en toda hora:
cando ando nos traballos toda apurada,
cando como coa familia ou coas amigas,
cando falo, canto ou río con quen amo,
cando me uno a quen se une para a vida,
e loito e sufro e soño e choro e durmo o meu cansazo.

Porque es ti, comunidade, o berce dos meus gozos,
e me sostés nas túas mans de nai sempre afanadas,
ora suaves, ora duras, degretadas,
por iso busco e peto á túa porta,
para vivirte a fondo, canto poida,
na forma da familia escollida e regalada,
ou do grupo cristián que me acolle e me constrúe;
para vivirte a fondo, comunidade,
cando coa xente como e bailo polas festas,
cando agradezo a quen morreu no seu velorio,
cando protesto con quen protesta
por tanta  man inxusta que anda pola terra,
e vou aos plenos do Concello,
falando sempre do que conta quen non conta,
sabéndome feliz no grupo dos que perden,
do grupo dos que soñan ser posible o que é imposible.

Porque somos no Pai, en Xesús, no Espírito
casa, fogar, conversa, unión, comunidade,
gozo de ser e de vivir fraternalmente,
onde paras, Xesús, que quero ir,
onde vive e loita e repousa a túa xente?

   
                                                                                Signo                                                                          


  • Unha mesa redonda, con comida e bebida, con xente ao redor: a comunidade de vida á que Xesús nos invita.







  • Un lume, un fogar, xente a carón: os espazos de solaz que nos constrúen.






  • Uns amigos, amigas, parolando: que así fixo Xesús con quen amaba, con quen o amaba (tamén con quen non o amaba)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.