17 decembro, 2011

Traballo entre sesións: 17 de decembro de 2011 - 28 de xaneiro de 2012

PISTAS PARA O TRABALLO ENTRE SESIÓNS
(Segunda sesión: do 17 de decembro de 2011 ao 28 de xaneiro de 2012)


Lecturas

Ø  TORRES QUEIRUGA, A., Os sacramentos hoxe: significado e vivencia (do material entregado pola Escola de Espiritualidade.
Ø  BOF, LEONARDO, Los sacramentos de la vida

             Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:
  • Como che ensinaron que Deus actúa nos Sacramentos, e como pensas ti acerca diso?
  • Que cres que significa a expresión “ex opere operato”?
  • Se os Sacramentos non son un milagre invisible ou unha acción máxica, que eficacia poden ter?
  • Como entendes ti a acción de Deus e a acción humana nos Sacramentos?
  • Que experiencia tes ti da vida sacramental?
Tamén podes ler:

SACROSANCTUM CONCILIUM (O Santo Concilio), Constitución do Concilio Vaticano II sobre a Sagrada Liturxia, no seu capítulo II, que trata sobre o “sacrosanto misterio da Eucaristía”, e no capítulo III, que trata sobre os demais sacramentos e sacramentais. Son cousas moi sinxelas, orientacións e reformas que nos poden parecer tímidas, pero que naquel tempo tiveron moita importancia; cousas sinxelas que interesa coñecer e manter, porque hoxe hai correntes na Igrexa que nin eses mínimos de reforma queren manter.

Palabra de Deus

EVANXEO DE XOÁN, e del especialmente o que se deu en chamar “libro dos signos”: Xn 1,19-12,50.
O evanxeo de Xoán é un evanxeo todo el sacramental, no que o autor pon na boca de Xesús catequeses bastante longas, coas que fai unha presentación de Xesús Cristo a partir da interpretación simbólica, metafórica, sacramental de cousas ordinarias que forman parte da nosa vida diaria: auga, viño, comida, pan, luz, porta, morte, vida...).
Desde esta perspectiva simbólica, sacramental, podes ler todo o Evanxeo, ou, a modo de exemplo, o diálogo de Xesús coa muller samaritano (Xn 4,4-42), a curación do cego de nacemento (Xn 9,1-41), a morte e resurrección de Lázaro (Xn 11,1-57).
Non hai que buscar aquí ningún tipo de definición ou teoría sacramental, pero si coma un magma simbólico no que a realidade sacramental ten os seus cimentos. Sen esta capacidade de entrar e vivir a fondura palpitante dos símbolos, a súa capacidade de suxerir, de orientar cara ao misterio de Deus na nosa vida, é difícil poder vivir despois con gozo, proveito e agradecemento os sacramentos concretos da Igrexa.
Podemos descubrir que a vida toda ela é un espazo sacramental, que nos abre aos Sacramentos e no que os Sacramentos atoparán ou non realización cumprida.

ORACIÓN E VIDA CRISTIÁ DESDE O EVANXEO DE CADA DOMINGO

            Por se a alguén lle pode interesar, igual que para a primeira sesión propuxemos un método concreto de facer oración e manter a nosa espiritualidade no día a día, tamén agora vos propoñemos outro, baseado fundamentalmente no evanxeo de cada domingo.
            Por que este método baseado no evanxeo de cada domingo, cando podemos ler o evanxeo que para cada día nos propón a liturxia da Igrexa, ou, sen máis, calquera de nós pode ler diariamente un evanxeo ou outro, ou calquera parte da Palabra de Deus? 
            Propoñemos o método baseado no evanxeo de cada domingo, porque os cristiáns/cristiás corremos o risco de ler, escoitar, de pasada, sen afondar na mensaxe que se nos propón e na transcendencia que a aceptación desa mensaxe pode ter para a nosa vida. Un evanxeo, outro, outro..., unhas pinceladas de fervor por fóra, e todo máis ou menos vai seguindo igual nas nosas vidas.
            Velaquí o que podería ser o método do evanxeo de cada domingo.

O EVANXEO DE CADA DOMINGO

v  Leo individual e/ou comunitariamente o evanxeo que toca para o domingo próximo, para prepararme algo para a celebración do domingo: palabras, xestos, actitude de Xesús, ante Deus, ante a xente concreta; palabras, xestos, actitude das outras persoas que aparecen no relato. Acólloo especialmente desde a perspectiva de Bona Nova: que se me regala neste evanxeo; e só nun segundo momento desde unha perspectiva de compromiso: que podo facer eu para axudarlle a Xesús na construción do Reino de Deus? Anoto no meu caderno de oración ou de vida, o que máis me tocou dese evanxeo.
v  Con esa preparación previa participo na celebración do domingo coa miña comunidade, na parroquia ou onde sexa. Quizabes o espazo celebrativo distinto, quizabes as palabras do sacerdote, ou outras circunstancias da vida, me axudan a afondar no que xa me chamara a atención dese evanxeo, ou me vai abrindo pistas novas. Anoto tamén o que me vaia sucedendo ao respecto.
v  Durante a semana dedícome na miña oración a afondar nese pedaciño de evanxeo, e non máis.  Esfórzome cada día por estar un anaco de tempo orando en silencio, permitindo que os ecos dese evanxeo se compenetren coa miña vida de cada día, para iluminala, dinamizala, perdoala, cambiala. Fago un esforzo por escoitar os ecos desa evanxeo na vida que me rodea. Anoto cada día aquel aspecto concreto que na oración dese día máis me chegou ao fondo da alma.
v  Tiro do fío desas cousas que vou experimentando, non as deixo morrer, axudo a que se prolonguen na miña vida de cada día, e a que se convertan en comportamentos novos, en novas maneiras de relacionarme, en tomar esta ou aquela actitude, comportamento novo ante determinadas persoas, ante determinados feitos de vida nos que participo polo meu traballo, na casa, no grupo, na parroquia, no sindicato, no grupo político.
v  O que vou vendo e facendo, os pasos que vou dando, os cambios que vai experimentando a miña vida, con todo isto volvo á miña oración de cada día, con todo isto dentro volvo á lectura diaria do evanxeo do domingo, para ofrecelo, agradecelo, poñelo ao amparo de Deus e do seu Espírito, que será o que lle dará eficacia e continuidade.
v  Se teño a sorte de formar parte dun grupo cristián, comparto cos demais o que vou vivindo, escóitoos a eles, a elas, tamén. Comparto a Boa Nova de Xesús actuando na miña vida. Enriquézome co dos outros/as. E todo isto si que é vida!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.